sábado, 18 de setembro de 2021

O Informe Pelícano

Se non lembro mal, nos anos 90 colleu certa fama un novelista ao que lle gustaba moito o mundo do dereito. Chamábase John Grisham e todas as súas novelas vendíanse moi ben, e tiñan entretida e retorcidas tramas en torno ao mundo da política e xustiza estadounidense, sempre tan corruptas. Unha delas foi "O Informe Pelícano". O outro día botaban a película homónima, e deille unha oportunidade.

A película foi dirixida en 1993 por Alan Pakula. Os dous papeis principais son para Julia Roberts e Denzel Washington. Están acompañados por un feixe de bos secundarios como Sam Sheppard, John Heard, John Lithgow, Robert Culp (veterano actor dos 70-80 facendo de presidente dos Estados Unidos), James B. Sikking (soábame a súa cara, saía en "Canción triste de Hill Street"), ou Stanley Tucci facendo o papel dun implacable asasino a soldo que morre sorpresivamente intentando cumprir un dos seus encargos.

Ao final, todo o que hai por debaixo é a corrupción da vida política estadounidense. Hai un rico empresario do petróleo que quere seguir abrindo pozos en reservas naturais do sur do país, que é moi amigo do presidente, e que conspira para asasinar a dous xuíces do Tribunal Supremo que tiñan sensibilidades ecoloxistas (un xa moi vello e o outro homosexual).

Axencias como o FBI e a CIA intentan investigar, pero non teñen nin a máis mínima pista nin idea de quen puido facelo nin por que. Unha xove estudiante de dereito investiga un caso que quedou sobreseído nun xulgado, e que lle transmite unhas raras sensacións, e elabora un traballo, chamado o "Informe Pelícano", que especula sobre quen puido encargar esas mortes.

Pásallo ao seu profesor na universidade (que tamén é a súa parella), de aí chega a un axente do FBI, e de aí ao Despacho Oval e lugares semellantes. E a partir dese momento, comezan a matar a todas as persoas que leron o informe. Obviamente, a estudante colle medo e fuxe. Ponse en contacto cun coñecido xornalista que investiga ese tipo de casos, e entre os dous conseguen desvelalo á opinión pública.

Saúdos.




Almorzo con diamantes

Un día destes botaban "Almorzo con diamantes" no espazo de cine clásico da 2. Sabía que a vira completa por primeira vez nos últimos anos. Efectivamente, foi en abril de 2011. Incluso localicei o artigo que publiquei daquela no meu antigo blog, que podedes consultar AQUÍ.

Non teño moito que dicir neste segundo visionado. Pero esta vez aburrinme máis que a primeira, e iso que apenas lembraba un par de cousas da película. Parece que o encanto de Audrey Hepburn xa non me afecta.

Saúdos.


Lady Falcón

A mediados dos 80 tivo unha certa fama a película "Lady Falcón". A historia podía resultar algo intrigante e atractiva, interesante en efectos especiais (que agora abochornan) e lanzou á fama a unha fermosísima actriz estadounidense, acompañada por un actor holandés que tamén o estaba petando na época. E todo iso aderezado cunha banda sonora moi típica daquela década. Ou sexa, tíñao todo para triunfar, máis ou menos o fixo, e converteuse nunha película de culto.

Foi dirixida en 1985 por Richard Donner. Os tres actores principais son Matthew Broderick, Rutger Hauer e Michelle Pfeiffer. Matthew Broderick, ou é un actor mediocre, ou todos os papeis que fai son insustanciais, como neste caso. Rutger Hauer acaba de rodar uns anos antes "Blade runner" e estaba no cumio da onda. E Michelle Pfeiffer é unha gran actriz adornada cunha grande beleza, así que causou sensación. E a música da película é de The Alan Parson Project, así que ver esta película resulta unha viaxe ao pasado total. Iso si, na música parece que participou todo o mundo agás o propio Alan Parsons (que andaba liado daquela) e o cantante Eric Woolfson, porque a música era toda instrumental.

O máis interesante da película, para min con diferenza, e supoño que para moitos, é a romántica historia da maldición que bota o bispo sobre os dous amantes, para que nunca máis poidan verse nin tocarse. Está de máis dicir, despois disto, que transcorre durante a tebrosa Idade Media. El, Ettienne de Navarre, era o xefe da garda do bispo de Aquila, e agora viste sempre de negro, vai sobre un cabalo negro, está sempre fuxindo e acompañado por un falcón. Ela, Isabeau, era a súa namorada, pero a súa beleza deslumbrou tamén ao bispo, que non puido soportar que ela quixese a outro home. E fixo que ela só tivera a súa forma humana pola noite, e sempre ía acompañado por un terrible lobo negro. Os máis espabilados xa pillaríades que o falcón era ela durante o día, e o lobo era el durante a noite. No amencer e no solpor crúzanse os seus destinos. A película trata do intento de vencer a maldición, e ao final conségueno, obviamente.

Saúdos.



Casablanca

No espazo de cine clásico da 2, que agora é os luns pola noite, botaron un día destes "Casablanca". Como é unha película moi célebre, que algunha xente (non pouca) considera a mellor ou unha das mellores da historia do cine, non vou escribir moito sobre ela, que tampouco fai demasiada falla. Sei que xa a vira completa, pero hai xa bastante tempo, así que disfrutei de novo.

Pensaba que Peter Lorre, mítico secundario dos anos 40 e 50, saía máis na película, pero non, aparece brevemente en 2 ou 3 esceas e xa o matan, recoñezo que me sorprendeu. Tamén me chama a atención que o actor Paul Henreid, teoricamente a gran estrela da película xunto a Humphrey Bogart e Ingrid Bergman non lle sacou apenas partido a este papel, porque case está esquecido. Polo visto, o papel non lle convencía, e só aceptou cando soubo quen serían os seus dous compañeiros, pero finalmente levouse moi mal con eles, e Bogart e Bergman pasaban del.

E a outra cousa coa que flipei é o final. Supoño que todos sabedes a mitoloxía en torno a el, que os propios actores non sabían como remataba a película, e que non estaba claro con que home se marcharía Ilsa no avión a Lisboa. Pero acabo de flipar ao saber que en Estados Unidos se asinou en 1930 un código de conduta para guión cinematográficos que prohibía que as mulleres se fugaran con amantes. Así que esa norma xa deixaba claro cal sería o final, porque senón terían que inventarse algo bastante retorcido. Ai, ese país tan atrasado...

Saúdos.



Sinais

Recoñezo que tiña unha certa curiosidade por ver esta película. Xa me soaba algo que trataba sobre extraterrestres, como así é, pero o seu director é un tipo peculiar que nas súas películas sempre ofrece cousas que se saen do convencional, así que lle dei unha oportunidade.

Foi dirixida en 2002 por M. Night Shyamalan (director de orixe hindú que uns anos antes sorprendeu con "O sexto sentido"). Os actores e actrices protagonistas interpretan aos catro integrantes da estraña familia: Mel Gibson, Joaquin Phoenix e os nenos Rory Culkin (irmán de Macauley) e Abigail Breslin. O resto son secundarios case sen presenza.

Basicamente podemos dicir que esta familia vive nunha casa no medio dunha plantación de millo. E dende o comezo, senten como unha presenza que os axexa, e descubren uns estraños sinais na plantación, unhas formas xeográficas perfectas, moi difíciles de facer por humanos, aínda que sospeitan dalgúns gamberros da comarca, e que apareceron en varios lugares do planeta, non só alí. Algún integrante da familia e outras persoas nos medios de comunicación comezan a crer inmediatamente que son posibles planos e indicacións para unha invasión alieníxena, como finalmente se confirma.

Pero se cadra, o máis peculiar é a familia. O pai (Mel Gibson) é un ex-predicador que perdeu a fe debido á recente morte da súa muller nun terrible accidente de tráfico. O veterinario da zona quedou durmido ao volante e atropellouna cando estaba dando un paseo. O predicador chegou xusto para escoitar as súas últimas palabras. O seu irmán (Joaquin Phoenix) volveu para casa a botar unha man cando morreu a súa cuñada. Non parece ter moitas luces. Foi unha promesa das ligas menores de beisbol, pero finalmente quedou en nada.

E despois están os dous nenos. O fillo maior (Rory Culkin) ten asma, dificultades para respirar, e semella un pouco friki. Así que cando comezan a suceder os feitos, vai á biblioteca a buscar libros que falen sobre extraterrestres e mergúllase nese coñecemento, resultando moi doado convencer a xente como o seu tío. E aínda máis rara é a filla pequena (Abigail Breslin), aínda que a súa rareza principal é que cre que toda a auga está contaminada, e ten a casa chea de vasos de auga dos que non bebe case nada por esa suposta contaminación que ninguén detecta. Pero nada, permítenlle esa rareza porque tampouco destaca tanto nesa casa.

As escenas finais son moi curiosas, porque todas esas cousas raras conflúen nunha solución moi acaída para a historia. Os extraterrestres finalmente marchan, pero semella que algún deles queda aquí esquecido, e mira ti por onde, xusto vai á súa casa para facer a súa última maldade. Nos últimos tempos soubérase que raptaran e mataran a algunha xente botándolle algún veleno gaseoso que levan no seu interior, e tamén que non lles gustaba demasiado a auga da Terra, porque sempre atacaban en zonas de interior.

O alien intenta raptar ao fillo maior e insuflarlle o seu veneno, pero como tivo un ataque de asma, ten os pulmóns pechados e o veneno non entra, polo que non morre. O irmán, lembrando o seu pasado como bateador, colle un bate que hai pola casa, e golpea ao invasor con todas as súas forzas en numerosas ocasións. E por se non chegara con iso, os numerosos vasos mediados de auga que enchían a casa, van caendo sobre o invasor, co dano que iso lle fai. Hai que recoñecelo: curioso final que non se podía prever.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...