mércores, 12 de agosto de 2026

Néboa

Mirei en RTVE Play, porque alí habitualmente hai series curtas, algunhas de tipo "histórico" e outras non tanto, e atopeime con esta, que xa levaba algún tempo no meu radar. Cando vin que estaba formada por oito capítulos de unha hora, pareceume que era asequible. Parece que xa comeza a ser un tópico iso de ambientar series en Galicia con crimes espeluznantes que son moi difíciles de resolver porque as sociedades son pequenas, endogámicas e son todos moi retorcidos, cando pasa algo gordo todo o mundo ten moito que ocultar.

Esta serie presentouse nas primeiras semanas do ano 2020, así que amenizou as vidas que se dirixían cara ao confinamento do coronavirus. O elenco é totalmente galego agás Emma Suárez, creo. Penso que (se non o fixeron), podería terse rodado en galego e dobrado só a esa actriz. Parece que os principais son Emma Suárez, Isabel Naveira, Antonio Durán "Morris", María Vázquez, Alba Galocha, Nacho Nugo, Denís Gómez, Santi Prego, Xabier Deive e César Cambeiro.

O caso é que nunha illa chamada Néboa (onde sempre hai moita brétema, mira ti), prodúcese un crime cando está comezando o Entroido, que alí sempre se celebra con moita paixón. O malo non é só íso, senón que a metodoloxía recorda a uns crimes que se produciron no ano 1919 e no ano 1989. Teoricamente estes prodúcense no ano 2019, e ninguén se explica como poden producirse do mesmo xeito e incluso co mesmo instrumental, xa que a morte final prodúcese cunha lanzadeira, unha agulla para coser redes de pesca.

Nas dúas series de asasinatos anteriores producíronse cinco mortes en cada unha, e quedaron sen resolver. Vaia, na segunda houbo unha pequena variación, é que a que parecía que ía ser a quinta vítima, non morreu, quedou en estado vexetativo e aínda vive. Casualmente era o garda civil que liderou aquela investigación.

Pois chega a Néboa para liderar a investigación unha tenente da Garda Civil, que vén acompañada da súa filla, que estaba sendo acosada polo seu mozo. Segundo se van sabendo máis cousas, prodúcense máis mortes que, máis ou menos, lembran ás series anteriores, e xa ninguén sabe se o asasino do 89 segue vivo (o de un século antes dase por descartado) e actuando. E como Néboa é pequena e endogámica, e non te podes fiar de ninguén, porque parece que todo o mundo ten moito que ocultar, pois o lío está ben armado, claro.

Saúdos.



A illa do tesouro (película 1934)

Despois de ver unha nefasta versión cinematográfica (sobre todo pola dobraxe) desta magnífica historia, quixen resarcirme vendo unha versión máis clásica e que estivera en mellores condicións. Atopei esta versión, o clásico de 1934, pero coloreado. A dobraxe está ben, iso si, pixela algo, éche o que hai.

Esta versión de "A illa do tesouro" foi dirixida por Victor Fleming en 1934. No elenco destacan Wallace Beery como Silver, Jackie Cooper como Jim Hawkins, e algúns secundarios ilustres como Lionel Barrymore e Nigel Bruce.

Comparada a historia coa que vin o outro día, as dúas semellan bastante fieis ao orixinal, e nalgunhas escenas eran practicamente idénticas. A única disonancia, que debeu ser unha licencia creativa dos autores, foi que ao final Jim Hawkins deixa fuxir a John Silver o Longo, e creo que iso non estaba na novela orixinal, en absoluto.

Saúdos.

Viñetas dende o Atlántico 2026

Un ano máis, en agosto e na Coruña, os amantes do cómic teñen unha cita moi importante no salón Viñetas dende o Atlántico. Celébrase dende o ano 1998, sempre dura unha semana (de luns a domingo) e cada vez ocupa máis sedes para as exposicións e actividades asociadas. Dende o comezo ata hai tres anos a dirección do salón foi do insigne Miguelanxo Prado, e a deste ano xa é a terceira edición dirixida polo inesgotable Manel Cráneo.

O luns pola tarde xa fun facer as miñas típicas compras, en Demo Editorial, Chili com Carne, Anillo de Sirio e algunha máis que pode caer. Gasto uns cartos, pero tamén é certo que é o único momento do ano en que me preocupo polo mundo do cómic. O meu outro gasto cultural anual é o Culturgal, onde xa poden caer cousas en formatos moi variados.

Xa visitei case todas as exposicións deste ano, que eran gratuitas e que xa estaban abertas (inusualmente unha delas non abre ata o venres, aínda que despois están todas abertas ata finais de setembro). Están en todas estas sedes: Kiosco Alfonso, Sala Palexco, Palacio Municipal de María Pita, Sala Salvador de Madariaga, Casa Museo Picasso, Casa Museo Casares Quiroga, Casa das Ciencias, Casa Museo María Pita, Fundación Luis Seoane, Bibliotecas Municipales e Círculo de Artesanos, ademais dalgúns bares e pubs. Tamén haberá actividades relacionadas co cine, música, podcast... ademais de encontros profesionais.

Nesta edición os temas das exposicións son moi variadas, como sempre. Vin cómics palestinos (algúns feitos en árabe que se len noutra orde, claro), hai bastantes sobre memoria histórica (dende múltiples puntos de vista), sufraxistas, homosexuais, o Labañou dos anos 70, guerra civil e posguerra, Caridad del Río (a nai do asasino de Trostski, que era unha espía soviética), fíxome moita graza Archimboldo Roque (personaxe de Jacobo Fernández Serrano), e viñetas sobre eclipses (aproveitando a data).

Para rematar, o máis novidoso deste ano, que me pareceu moi brillante pero seguramente non é moi visible aínda, é que liaron a algúns dos socios da Asociación Galega de Artesáns, que están expoñendo tamén en Mostrart, para que fixeran algúns personaxes ou esceas dos cómics expostos.

Saúdos.





Néboa

Mirei en RTVE Play, porque alí habitualmente hai series curtas, algunhas de tipo "histórico" e outras non tanto, e atopeime con es...