domingo, 28 de marzo de 2021

Mariana Pineda

Neste caso falamos de teatro televisado pola 2. No Día Mundial do Teatro de 2021, retransmitiron a gravación da representación da obra no Teatro Español de Madrid. Esta versión de "Mariana Pineda" de García Lorca, tiña como estrela á actriz Laia Marull.a

Aparte de que a min o teatro me gusta en todas as modalidades, sempre me gusta máis en directo, obviamente. Pero non hai que deixar escapar posibilidades como esta. Oíra falar da historia de Mariana Pineda, pero non sabía moi de que ía, e quería aproveitar esta obra para coñecela mellor.

O granadino García Lorca contou a comezos do século XX na obra a xesta doutra granadina, que un século antes bordou, axudou a bordar ou gardou unha bandeira liberal bordada por unhas veciñas, e como iso non lle gustou nada a Fernando VII e aos seus acólitos, morreu axustizada por esa razón. Está claro que ese reiciño debía ser un personaxe, pero en España hai bo catálogo de reis mesquiños.

Saúdos.



O gran Lebowski

Había xa tempo que tiña ganas de ver esta película. Oíra falar ben dela, e os irmáns Coen, aínda que para min non son unha garantía, porque teñen feito de todo, me incitan un pouco a curiosidade. Paseino ben véndoa, pero a principal conclusión é que é unha historia absolutamente disparatada, aínda que parece que algúns dos personaxes e anécdotas son reais.

A película é do ano 1998, e foi dirixida, producida e escrita polos irmáns Coen, repartíndose os papeis, como é habitual neles (acabo de ver na Wikipedia que hai un artigo conxunto sobre os dous, non independentes, e iso paréceme algo preocupante). A estrela absoluta é Jeff Bridges, obviamente, pero está ben acompañado por outros como John Goodman, Steve Buscemi, Julianne Moore ou John Turtullo. Moitos deles son habituais nas películas destes dous irmáns.

Xa digo que a historia é un auténtico disparate. Parte da confusión producida polo parecido entre o nome de Jeff Lebowski, rico minusválido que vive nunha mansión, cunha muller moito máis xoven e lixeira de cascos, e Jeffrey Lebovski, parado excéntrico que pasa os días fumando canutos e xogando aos bolos cos seus colegas.

A xoven muller do millonario pégase unha vida fantástica e vai xuntando débedas por todas partes, e cando uns matóns pretenden presionala para que as pague, chegan ao chabolo do parado (obviamente non estaban moi ben informados). De forma imprevisible, o parado descubre a existencia do rico que se chama igual ca el, e vai á súa mansión a reclamarlle unha compensación polos danos na súa casa, que obviamente non consegue. Pero pouco tempo despois, a muller desaparece, supostamente secuestrada, e de forma aínda máis incrible, o rico encárgalle ao parado que faga de contacto cos secuestradores. Xa vos dixen que a historia era moi delirante.

Pois diso vai a película. Aparecen varios grupos de posibles secuestradores, cada un máis patético que o anterior, os colegas do parado non son moito mellores, e van pasando cousas difícilmente explicables que levan a un final algo estraño.

Un dos detalles curiosos é o alcume co que se refiren ao excéntrico parado. En ingles chámanlle "The Dude", que non teño nin idea do que pode significar (parece que é algo así como "o tipo", ou "o tío", ou sexa, unha referencia informal a un home). En español parece que lle chamaron "El Nota" ou "El Fino". E na versión galega que vin eu na TVG2, chamábanlle o "Pixa". Outro disparate máis.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...