sábado, 23 de xullo de 2022

Oito apelidos cataláns

Xa que hai algún tempo me animei a ver a primeira desta absurda saga, quería deixar o traballo rematado, aínda que era consciente que moito non se ía aproveitar. Que se podía esperar dunhas películas "españolas" producidas por Telecinco.....

Esta foi dirixida por Emilio Martínez-Lázaro en 2015. O elenco era basicamente o da primeira película, pero esta vez había que engadirlle a cota catalá, quedando entón en Dani Rovira, Clara Lago, Karra Elejalde, Carmen Machi, Belén Cuesta, Berto Romero e Rosa María Sardà.

Nesta ocasión, como seguro que xa saberedes, despois de que Rafa e Amaia romperan ao final da primeira parte (e parece que non todos os personaxes se enteraron moi ben dese suceso), Koldo vai a Sevilla a buscar a Rafa porque Amaia vai casar en Girona uns días máis tarde, e obviamente quere impedilo.

Efectivamente, Amaia vai casar con Pau, un artista hipster e snob catalán, con ansia cosmopolita. Pero para contentar á avoa de Pau, que xa vai maior e a que levan un ano facendo crer que Cataluña xa é independente, van celebrar unha voda con moito postureo nun pobo medieval no que vive a avoa, sen saír da súa masía.

Alí descúbrese tamén que Judit, a amiga de Pau que está organizando a voda, está namorada del, e que Amaia aínda quere algo a Rafa. E iso aínda se acentúa máis cando Amaia descubre que a idea da familia catalá é que queden a vivir na masía, cando estaba decidido que volveran a Euskadi.

O final tampouco é que teña demasiado interese. Non me deu a impresión de que quedase moi pechado, polo menos pola parte catalá, pero non creo que sigan coa saga. Se pasaron tantos anos e non fixeron nada, é que o chicle non estira máis.

Unha das cousas máis patéticas (e mira que hai onde escoller) é que Judit (Belén Cuesta, a actriz que a interpreta é sevillana), que supostamente é un personaxe catalán, acaba desvelando que realmente é galega, cun acento nefasto. Algunha das actrices secundarias, como Iolanda Muíños, si era galega, pero claro, era moita concesión xa.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...