luns, 29 de marzo de 2021

A morte tiña un prezo

Nas cadeas de televisión que non son de pago deben ter moi accesibles os dereitos de reprodución das películas que forman a Triloxía do Dólar do director italiano Sergio Leone, porque as proxectan con bastante frecuencia. Eu debín velas todas hai tempo, pero estou aproveitando para refrescalas, que nunca está de máis, porque son películas agradables de ver.

A primeira delas foi "Por un puñado de dólares", que xa vin hai varios meses. Onte tocoulle á segunda, que en España foi titulada "A morte tiña un prezo", aínda que as traducións máis rigorosas do título orixinal italiano sería algo así como "Por uns poucos dólares máis", que se parecería bastante ao título da primeira. Agora só falta a máis famosa, polo menos en canto ao título, que é "O bo, o feo e o malo". Seguro que caerá pronto. Coa curiosa particularidade de estar rodadas entre o deserto de Almería e os estudos italianos de Cinecittá, con case todos os actores españois e italianos, pero con algunhas estrelas estadounidenses.

A historia é curiosa. Na mesma zona e no mesmo momento coinciden dous cazarrecompensas, o Manco (Clint Eastwood) e o Coronel Mortimer (Lee Van Cleef). Van pillando a malos moi doados de pillar, pero a súa principal presa é o Indio (Gian María Volonté), que lidera unha banda bastante sanguinaria que, despois de liberalo do cárcere, se marca como obxectivo atracar o banco de El Paso, que está considerado como invulnerable.

Coa vixianza dos dous cazarrecompensas, que están detrás da banda, estes conseguen de todos os xeitos atracar o banco facendo voar polos aires unha das paredes e levándose a caixa forte, que estaba oculta dentro dun armario bastante vulgar, para poder abrila tranquilamente no seu escondite.

Despois desa sorpresiva acción, os dous cazarrecompensas, que xa están asociados, deciden que o Manco se infiltrará na banda do Indio, cousa que consegue sen moita dificultade, aínda que está claro que levanta certas sospeitas, sobre todo no xefe, que sempre é o máis listo, claro. Pouco despois, tamén consegue infiltrarse o Coronel Mortimer, que lles axuda a abrir a caixa cun método moi coidadoso que non destrúe ningún billete.

Os dous cazarrecompensas intentan facerse cos cartos e escapar pero os pillan antes. Pero entón o Indio entra nunha paranoia na que intenta librarse de toda a banda e dos dous infiltrados, aliándose só co seu principal amigo (sempre quedará a sospeita de que tamén ía librarse del despois). Pero xa non chegamos a iso, porque os dous cazarrecompensas conseguen eliminar a todos os demais e enfrontarse a soas ao Indio, ao que obviamente gañan.

Ao final descúbrese que Mortimer era o pai dunha rapaza que se suicidou cando estaba sendo violada polo Indio, e o Manco quédase con todos os cartos do banco e con todos os cadáveres para cobrar a recompensa completa.

Saúdos.




Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...