luns, 28 de marzo de 2022

Salomón e a raíña de Saba

O mes pasado, un venres pola noite, no espazo de cine clásico de Garci en Trece, botaban "Salomón e a raíña de Saba", unha desas películas bíblicas (que en xeral non me desagradan) que non vira e que tiña ganas de ver. Creo que non estivo mal, pero a dicir verdade, apenas lembro nada, así que tampouco debía ser para tanto, ou se cadra estaba moi canso e non me enterei de moito, que me pasa agora con certa frecuencia os venres pola noite.

Foi dirixida en 1959 por King Vidor, e protagonizada por Yul Brinner, Gina Lollobrigida e George Sanders. Casualmente a estrela da película ía ser Tyrone Power, que comezou a rodaxe en Madrid, pero morreu ao pouco tempo dun infarto (parece que algunhas esceas nas que el saía de lonxe se aproveitaron igual), así que chamaron a Yul Brinner, que saía con pelo na película, parece que natural.

Morre o Rei David e ten que escoller ao seu sucesor. Todos pensan que escollerá ao maior, Adonías, que non parecía moi boa xente, pero David ten unha visión divina que lle aconsella escoller a Salomón, o menor, e así o fai. O Faraón de Exipto tampouco está contento con esta elección, e intenta convencer á raíña de Saba para que seduza a Salomón e o destrúa, pero ao final acaba sendo ela a seducida. En xeral, todo moi bíblico.

Saúdos.



Nada que ver

Xa hai mes e medio que se estreou no Teatro Colón da Coruña o documental "Nada que ver", dirixido por Iago Prada, e que intenta contar (porque doado non é) os primeiros 25 anos da emisora de radio comunitaria coruñesa CUAC FM, da que formo parte. Con isto da pandemia, tivemos que estrealo cando xa van 26, e eu levo na mesma xusto a metade dese tempo, 13 anos.

Había unha boa entrada no Colón, cando aínda estaba golpeando algo a sexta onda do coronavirus, e en xeral, a xente saíu moi contenta e emocionada da proxección. Vese que Iago é moi competente e soubo captar bastante ben o espírito da empresa, tendo en conta que el tamén participou durante algún tempo nun dos programas da emisora, así que xa se enchoupou en parte do bo rollo que abonda por alí.

Agora comeza o circuito por festivais e outras proxecións. A semana que vén poderá verse no Fórum Metropolitano da Coruña, grazas á Asociación de Veciños Oza - Gaiteira - Os Castros, que proxecta alí documentais os luns con certa frecuencia. E cando remate ese periplo, xa poderá verse libremente en plataformas, suponse.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...