luns, 14 de agosto de 2023

Vida e fugas de Fanto Fantini della Gherardesca

Despois de pasar uns días aloxado en Mondoñedo e de cruzarnos todas as noites coa estatua de Álvaro Cunqueiro, estaba claro que, de ser posible, apeteceríame ler algunha obra deste insigne autor. E foi posible (incluso non repertirse) e atopei unha obra en castelán que editou A Voz de Galicia a comezos do século XXI, naquela época na que publicou tantas obras literarias relacionadas con Galicia, seguramente polo magnífico labor de Tucho Calvo. Nesta ocasión foi "Vida e fugas de Fanto Fantini della Gherardesca".

Esta obra trata dos principais feitos da vida do personaxe de Fanto Fantini, un condottiero que vive na Italia do Quattrocento, que nace en 1450 de forma moi fulgurante (un raio tivo que ver co parto no que naceu) e morre a comezos do século XVI en lugar e data sen concretar, con algo de misterio no tema, pero aparentemente relacionado co seu amorío con Cósima Bruzzi, que namorou del subitamente. Despois ela morre, pero non está nada claro se a matou el (como fixo Otelo, referencia constante na novela) ou se foi o marido dela ao saberse cornudo. Fanto morre pouco despois en circunstancias moi ambiguas, e nin sequera se sabe moi ben onde.

Como se menciona nalgún sitio, é curioso que este personaxe foi famoso non polos seus ataques ou victorias, senón polas espectaculares fugas que era capaz de protagonizar, tanto que ata no título do libro se mencionan. Xa por non dicir que tiña un criado chamado Nito que era bastante avispado, un cabalo chamado Lionfante que deu un discurso ante o Senado de Venecia, explicando algunhas peripecias da súa vida, e un can chamado Remo ao que só lle faltaba falar (que máis ou menos o facía). Ou sexa, Cunqueiro en estado puro.

Agora ben, recoñecendo que hai xa tempo que non lía a Cunqueiro, e que era a primeira vez que lía unha obra del en castelán, non me pareceu das súas obras máis brillantes. Se non lembro mal, na miña infancia e adolescencia intentei ler varias obras del, e non me resultaron nada doadas, pero máis adiante si o conseguín e gustáronme moito. E se non me engano, "Merlín e familia" deslumbroume. Se cadra púxome o listón moi alto e agora calquera cousa me decepciona.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...