luns, 5 de xullo de 2021

Mitos nórdicos

A min sempre me interesou bastante a mitoloxía. Dende que hai moitos anos lin a Ilíada e a Odisea, caín fascinado por esas historias, tráxicas e máxicas, en moitas ocasión incomprensibles pero con moito encanto. Pero nesta parte do planeta temos moito contacto coa mitoloxía grega e romana. Algúns ecos chegan da exipcia e dalgunha outra, pero case nada.

Pero mira ti por onde, hai uns anos chega ás miñas mans un libro titulado "Mitos nórdicos" escrito por Neil Gaiman, que polo visto é un autor de culto no mundo dos cómics e as novelas gráficas, mundo que eu descoñezo bastante. Tamén escribe contos e novelas, e esta obra case é un ensaio divulgativo.

Gustoume moito e paseino moi ben. Algo xa me ía soando porque creo que ultimamente estanse facendo películas baseadas nesta mitoloxía, e eu incluso vin algunha. Ao mellor digo unha barbaridade, pero xuraría que esas películas forman parte da galería de superheroes de Marvel, que nos últimos anos están botados ao monte, despois do dominio de DC das décadas anteriores.

Algunha vez pareceume escoitar que Tolkien viñera a Galicia ou lera algunha obra sobre toponimia e antroponimia galega para incluíla nas súas obras. Non son experto nin en toponimia galega nin na obra de Tolkien, pero esa referencia sempre me pareceu absurda, porque levo toda a vida vivindo en Galicia, e o que eu lía na obra de Tolkien non me lembraba absolutamente nada a esta terra. Pero este libro que acabo de ler si que me lembrou moito ás obras de Tolkien. Así que, sendo Tolkien inglés, paréceme máis lóxico que botara man da mitoloxía nórdica, que lle quedaba máis cerca. E despois do que acabo de ler, a influencia semella clarísima.

Sobre a mitoloxía nórdica, só dicir que claro, ten moitos deuses e deusas, xigantes, elfos e enanos (non vos lembra isto á obra de Tolkien??), e pasan cousas moi raras para os humanos, obviamente. Do amplo panteón de deuses destacan tres: Odín, Thor e Loki. E o que máis me chamou a atención é que Loki é un deus moi astuto, retorcido, xoguetón e moi perigoso. De feito, acéptano na morada dos deuses porque o seu enxeño ás veces resolve algún problema, pero principalmente crea problemas e está moi mal considerado polos demais deuses. Non lembro ter lido nada parecido en ningunha outra mitoloxía, o recoñecemento de que un dos deuses era malo e problemático. Curioso.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...