domingo, 8 de outubro de 2023

Hamelin

Hai uns días veu á Coruña a compañía de teatro galega Redrum Teatro (que está comezando a acumular unha traxectoria ben interesante) a representar a obra "Hamelin", de Juan Mayorga, o dramaturgo español vivo de maior prestixio actualmente. Así que a cousa non pintaba nada mal, e non pintou, porque a obra estivo moi ben.

Acabo de mirar na Wikipedia a descrición da obra orixinal e semella que Redrum foi bastante fiel, incluso nos nomes dos personaxes. Creo percibir que houbo unha certa desviación no final, porque na Wikipedia di que acaba confirmándose a sospeita na obra orixinal (agora contarei de que trata) mentres que na obra que vimos parece parar algo antes, e deixar un final moito máis aberto.

A trama fala dun xuíz, chamado Montero, dunha cidade española de provincias sen identificar, que está investigando os posibles abusos sexuais dun tipo rico da cidade, chamado Rivas, que supostamente colabora en obras benéficas para apoiar a menores sen recursos. Parece que hai unha relación moi estreita entre Rivas e un neno chamado Xosemari que levanta moitas sospeitas, e que a denuncia partiu de Gonzalo, o irmán maior de Xosemari, que xa antes tamén tivo unha relación parecida con Rivas pero decidiu distanciarse. Os pais de Gonzalo e Xosemari son unha parella que pasa moita precariedade pero que seguen tendo fillos sen parar, sen recursos para sacalos adiante con dignidade. 

O xuíz sospeita que, dalgún xeito, Rivas está pagando á familia para ter relacións no seu chalet con Xosemari e que miren para outro lado. Por outra banda, o xuíz tamén está pasando un momento familiar complexo, a relación coa súa muller non está no seu mellor momento e o seu fillo é expulsado do colexio por agredir a outros compañeiros. Aínda que quere falar co seu fillo para aclarar a situación, nunca pode porque a investigación róuballe todo o tempo. Por se non chegara con iso, tamén está comezando a namorar de Raquel, a psicopedagoga do colexio do seu fillo.

O elenco "oficial" da obra está formado por Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Rubén Porto, Fran Lareu e Roberto Leal na parte masculina, e Belén Constenla e Mónica García na parte feminina. Pero se non me enganou a vista, creo que as actrices foron substituídas para esta funcíon por Victoria Pérez e Laura Míguez. A dirección foi de Álex Sampayo.

Saúdos.

HAMELIN promo gal from Redrum Teatro on Vimeo.

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...