Buscando no catálogo de Amazon Prime, atopeime con esta película, que tiña bastante fama e fala sobre o mundo do xornalismo, que me interesa bastante. Aquí en España tamén a subtitularon "Un mundo implacable" e en Hispanoamérica "Poder que mata". Se caera en min a decisión, non teño nin idea do título que proporía eu para unha historia como esta. Basicamente trata da influencia que teñen as audiencias sobre os contidos televisivos.
"Network" foi dirixida en 1976 por Sidney Lumet. Os papeis principais foron para Peter Finch (Óscar póstumo a Actor Principal, morreu antes da entrega), William Holden, Faye Dunaway (Óscar á mellor Actriz principal) e Robert Duvall. Tamén levou o Óscar a mellor Actriz de reparto (só saía cinco minutos) e mellor guión.
A trama xira en torno ao personaxe de Howard Beale, o presentador do noticiario da cadea de televisión UBS. Avísano con quince días de antelación, e a razón débese á baixada na audiencia do programa. O seu mellor amigo, o produtor Max Schumacher, é o único que o apoia, e intenta que nesas dúas semanas poida despedirse do cargo con dignidade.
Pero Beale entra nunha estraña dinámica, e no primeiro programa da súa despedida anuncia por sorpresa que vai suicidarse en directo dentro duns días. O escándalo é imparable e nos altos despachos da dirección pensan en despedilo inmediatamente, pero o presentador fai e di cousas cada vez máis estrafalarias, e a audiencia sube de forma considerable, e convértese nun líder da protesta cívica da poboación.
En paralelo a iso, outra produtora da cadea que se encargaba da sección de entretemento, Diana Christenten, ve a deriva do personaxe e propón facer un novo programa á súa medida no que tamén haxa astroloxía, debates, e cousas moi morbosas, que ten un grandísimo éxito. Por se non chegara con iso, esa mesma produtora propón unha especie de serie na que participan integrantes do Partido Comunista e dun grupo terrorista que grava en vídeo os seus propios atracos a bancos, e que tamén se converten en estrelas mediáticas, caendo nos vicios propios destas.
Por se non chegara con iso, durante algún tempo dase un estraño romance entre Diana e Max, cando hai unha diferenza de idade considerable, e aparentemente tamén unha diferenza de caracteres moi grande. Obviamente, a cousa non dura moito tempo, pero ten certa influencia no resto de acontecementos.
O presentador Howard Beale segue meténdose en líos pero a súa audiencia e impacto van baixando, así que os xefes da cadea deciden que o mellor será matalo en directo, e para iso usan a varios dos integrantes do grupo terrorista, que xa case era da plantilla.
O caso é que acabo de saber que naqueles mediados dos anos 70 unha presentadora de noticiarios suicidouse en directo e que tamén tivo certa fama un grupo pseudo-terrorista moi similar ao que se ve na película, así que si, o guión está moi ben, pero hai algunhas cousas que non necesitaron inventalas, xa estaban alí.
Saúdos.