Había xa tempo que non ía ver exposicións. Un día destes, que tiven un día libre co que non contaba demasiado, que non ía mal tempo, e que se xuntaban varias exposicións na miña cidade que non tiñan mala pinta, fun de xira. E o resultado foi moito máis proveitoso do habitual. A exposición que ía clausurar uns días máis tarde resultou un auténtico fracaso para min, e outra que pillei de camiño tiña algunha cousa interesante, pero en xeral case nada.
Pero casualmente, as dúas exposicións que estaban (e estarán ata finais do verán ou comezos do outono) na Fundación Luís Seoane, son moi interesantes. E agrádame moito que sexa así, porque ese lugar me parece chulísimo, teño disfrutado moito vendo exposicións alí, e xa había tempo que non me pasaba.
Na planta baixa hai unha exposición sobre Lolita Díaz Baliño, irmán de Camilo, e tía de Isaac Díaz Pardo. Dedicáronlle o Día da Ilustración 2021. Non coñecía a súa obra. Sorprendeume moito a súa modernidade e como representaba á muller, de forma moi atractiva e suxerente.
E na planta superior había unha exposición sobre Víctor Moscoso. Aínda me soaba menos que a anterior. Vira algún cartel nalgunha axenda cultural, pero seguía sen saber de que estabamos falando. E tamén alucinei bastante. Foi unha das grandes estrelas do cartelismo da psicodelia, que tivo moito éxito nos anos 60 e 70, principalmente pola zona de San Francisco. Seguro que agora a todos vos veu á cabeza algún cartel daqueles concertos ou discos de grupos ingleses ou americanos daquela época, tan mareantes. Pois unha das figuras dese estilo era un tipo que naceu en Vilaboa, a carón da Coruña (creo que aínda está vivo, pero non podo aseguralo). A exposición remata dun xeito bastante espectacular. Hai unha sala na que se alternan luces de cores cada poucos segundos. Tal como estaban deseñados os carteis, e as cores das súas tintas, eses cambios de luz provocan animación nos carteis, porque fan que se vexan unhas figuras e se oculten outras. Bastante alucinante, si, pero funciona.Saúdos.
Neste blog falo moito de cine, porque dende o confinamento, aprendín a localizar as boas películas que botan na televisión. Pero esta non a botaban, senón que a tiña eu nunha colección de DVDs. Era unha noite importante e quería ver bo cine, e gastei un cartucho desa colección. Esta película xa a vira eu hai moitos anos, pero estes clásicos nunca cansan.
Esta versión da historia de Robin Hood debe ser seguramente a primeira que se levou ao cine. Foi dirixida en 1938 por William Keighley e Michael Curtiz. Comezou o primeiro deles (do que eu nunca oíra falar), pero botárono, porque a rodaxe ía moi lenta e non estaba gustando, e contrataron ao segundo, de orixe húngara (Mihaly Kertesz, entereime o outro día, non o sabía), que era moi competente e eficaz, rodaba ben e a gran velocidade, os estudios o adoraban. O papel principal foi para o australiano Errol Flynn, de Marian fixo Olivia de Havilland, e os principais villanos foron Basil Rathbone e Claude Rains. O resto de secundarios, moito menos coñecidos, pero moi resultóns. Pero seguro que moitas caras vos soarán, porque a película ten xa moitas décadas, e esa xente saíu en moitas producións.
A historia non ten moitas voltas, é moi coñecida, e como case sempre, está presentada de forma moi maniquea. Os malos son malísimos e non teñen máis que malas intencións. E Robin Hood é un bendito que non se equivoca nunca e só ten boas intencións. E por se non chegara con iso, xógase coa mitificación de Ricardo Corazón de León. Ou sexa, os anglosaxóns exportando os mitos da súa lenda. Pero a película é moi entretida, non se pode negar.
Soábame que Doris Day e Rock Hudson protagonizaran varias comedias con equívocos que tiveron un certo éxito na súa época. Agora acabo de enterarme que Tony Randall completaba o trío, e iso sucedeu en tres ocasións. Polo visto, "Confidencias a medianoite" foi a primeira desas tres películas. Decidín vela, a ver que tal resultaba.
Foi dirixida en 1959 por Michael Gordon, director que non me soa de nada. Efectivamente, ese trío é quen protagoniza, acompañados por Thelma Ritter, pero vaia, entre eles tres xira case todo, e Tony Randall está un pouco por detrás da parella.
Como sempre, hai lío co título en español. O título orixinal sería algo así como "Charlas de almofada". En España chamáronlle "Confidencias a medianoite", e en Hispanoamérica foi "Problemas de alcoba". Non estiveron demasiado acertados en xeral, sen ser un desastre.
O principal lío da historia parte dunha situación da que eu nunca oíra falar. Ao mellor sucedeu en Estados Unidos nalgún momento, ou se cadra nalgún outro sitio, pero non tiña noticias de nada parecido, e se foi así, paréceme algo absurdo. O caso é que, por falta de líneas telefónicas, dous usuarios teñen que compartir línea. Iso significa que, se un deles ergue o aparato e o outro está falando, o escoita perfectamente e pode intervir na conversa, e viceversa. Está claro que con este punto de partido, a historia xa dá moito de si.
Comparten línea unha decoradora solteira, sen apenas vida social e algo mona (Doris Day) cun atractivo e mulleireiro compositor (Rock Hudson, ai, que sorpresa se levaron algúns unhas décadas máis tarde), que ten a liña sempre ocupada e está flirteando coas súas numerosas conquistas.
O personaxe de Tony Randall fai de intermediario entre os dous, porque a coñece a ela, e está intentando conquistala, aínda que sen éxito; e o coñece tamén a el, e algo lle insinúa do tema, pero sen complicarse moito, porque teoricamente non a coñece a ela e non pode ter ningún contacto. Pero de forma totalmente casual, el a recoñece a ela nun restaurante, e intenta conquistala, con bastante éxito, ata que ela descubre quen é realmente.
Así que ese é o embrollo. Película algo ñoña, pero agradable de ver.
Na programación das distintas cadeas españolas, sobre todo dalgunhas fascistoides, botan de cando en vez películas protagonizadas por Burt Lancaster e o seu colega Nick Cravat (que non era mudo, aínda que nas películas non lle deixaban falar, porque tiña un rudo acento de Brooklyn), con moita aventura e acrobacia, porque viñan do mundo do circo. Son películas de consumo moi doado e un día destes deume por ver "O temible burlón". Sospeito que non tardará moito en caer algunha máis.
Foi dirixida en 1952 por Robert Siodmak e eles dous eran as principais estrelas. Polo que xa dixen, son películas de historia bastante simple e bastantes circenses, creadas sobre todo para divertir á xente vendo como eles dous daban chimpos dun sitio a outro. Vendo a ficha técnica, resulta que está como secundario Christopher Lee, a verdade é que non o lembro. Supoño que será un dos rebeldes, pero nin me fixei.
A historia non é moi complicada, aínda que ten algunha reviravolta algo estraña. O capitán Vallo e Ollo, estes dous tunantes, son dous piratas do Caribe no século XVIII. Capturan a un barón británico e pretenden negociar con el para conseguir moitos cartos. O trato consiste en finxir que comercian cun grupo de rebeldes que se opoñen ao goberno colonial británico, para facilitar o seu apresamento, e así conseguir a recompensa dos imperialistas. Un pouco estraño para un pirata caribeño, non si?
O caso é que, debido a eses tratos, acaban coñecendo ao principal líder dos rebeldes, aos seus seguidores, e á súa fermosa filla, da que se namora Vallo, como non podía ser doutro xeito. E tamén é previsible que acabe pasando o máis natural nestes casos, e é que os piratas se acaben unindo aos rebeldes contras os británicos, iso xa ten máis sentido, claro.
E a historia non ten moito máis. Hai algunhas cousas que chirrían un pouco. Por exemplo, nunha festa galante dos británicos, Vallo e Ollo fanse pasar polo barón e un marqués, e Vallo leva aínda posto un dos seus pendentes. Están todos cegos nesa festa? Por outra banda, eu non me fixei, pero na Wikipedia di que nunha escena cerca do final, vese ao lonxe un barco de cruceiro... non se deberon fixar no seu día.
Rematamos co lío do título en español, coma sempre. O título orixinal sería "O pirata carmesí", e na película refírense a el nalgún momento como o "pirata vermello". En Hispanoamérica titulárona "O pirata fidalgo" e en España "O temible burlón". Esta vez si que se lles foi a man.
Si, si, seguramente vos sorprenderá que vira esta película, incluso a min un pouco. Pero como xa dixen aquí hai pouco, cando vin de novo "Speed", na que un chalado terrorista estadounidense causaba o terror nun ascensor, nun autobús e finalmente nun metro (todo na mesma película), quedoume a malsana curiosidade de preguntame "se hai secuelas desta película, que se lles ocorrería?". E mira ti, que tiña interese por sabelo, por iso vin esta película, bastante mediocre, obviamente.
Foi dirixida en 1997 por Jan de Bont tamén (o mesmo director da primeira, tres anos despois, había que estirar o chicle). Sandra Bullock seguía por alí, pero esta vez non conducía nada, e o "mazas" de turno era Jason Patric, un policía de Los Ángeles, que xa sabemos que saben de todo. O terrorista chalado nesta ocasión é Willem Dafoe, que non ten cara de boa xente (aínda que en Platoon era dos máis decentes, e tamén fixo de Xesucristo). É un detalle desta saga que os chalados terroristas son sempre estadounidenses chinados porque os botaron dunha empresa, porque non lles pagaron o que crían xusto, e tontadas similares. O resto de secundarios son, polo menos para min, totalmente descoñecidos, e seguramente esquecibles.
Pois nada. Que o personaxe de Sandra Bullock, despois da tensión da primeira película, quere irse de vacacións co seu novo mozo, que tamén é policía de Los Ángeles, como o Keanu Reeves da primeira parte. E deciden coller un cruceiro (primeira dúbida resolta, agora toca un barco). Chamoume a atención que o cruceiro que collen é bastante pequeno, creo. Porque onde eu vivo, na Coruña, vemos transatlánticos con frecuencia, e o desta película era diminuto (tendo en conta as cafradas que lle ían facer, supoño que colleron un vello e pequeno, para destrozalo durante a rodaxe). E na recepción aos viaxeiros, vese algo flipante, que son actuacións en directo de Carlinhos Brown e UB-40.
Pero esta parelliña teñen a mala sorte de coincidir na viaxe cun ex-empregado da empresa que fleta os cruceiros, que está chinado con eles, e que quere destruír o barco. Como é informático, quere controlar o barco dende o seu camarote, e conségueo. Con distintas sabotaxes, lanza o barco a toda máquina contra un petroleiro que está ancorado xunto a unha illa do Caribe. Esquívano de casualidade, pero o que xa non poden evitar é que o cruceiro choque contra terra e se introduza varios centos de metros na vila ateigada de turistas.
Bastante incrible todo, si. E estou lendo que se cadra hai "Speed 3", co mesmo director e as mesmas estrelas da primeira vez, pero con case 30 anos máis enriba. Non sei se é un proxecto, se xa se está rodando, se xa se rodou e está á espera de estrearse. E parece que será nun avión ou nave espacial. Mimadriña.
Poderíamos resumilo dicindo que é algo así como unha continuación de "Tabeirón". Aínda que esa película tivo varias secuelas, que ían na mesma liña que a primeira, pois esta película é unha certa sofisticación daquelas, pero tamén se basea en humanos perseguidos por salvaxes quenllas, que acaban morrendo de formas parecidas ás da outra saga. A diferenza estriba en que nesta película, as quenllas son máis salvaxes por ser máis intelixentes, son tres, e están atrapadas nun espazo pechado, pero aos humanos pásalles o mesmo. Acabo de ver que hai xa dúas secuelas desta tamén, non mas quero nin imaxinar.
A película foi dirixida polo finlandés Renny Harlin en 1999. Non ten grandes estrelas no elenco, se cadra o máis coñecido é Samuel L. Jackson, pero é que tampouco dura tanto tempo, porque dos actores máis coñecidos da cinta, é dos que primeiro é engulido polos voraces escualos. Xunto a eles están persoas que protagonizaron algunha película ou serie, en papeis principais ou secundarios, nesa época: Saffron Burrows, Stellan Skarsgaard, Michael Rapaport, LL Cool J... Por certo, en España mantiveron o título orixinal en inglés, mentres que en Hispanoamérica a titularon "Alerta no profundo".
A historia transcorre nunha instalación case submariña na que se están facendo experimentos moi avanzados con tres quenllas. Descubriron que no cerebro da quenlla hai unha proteína que podería servir para crear fármacos que curarían enfermidades dexenerativas como o Alzheimer. Algúns grupos económicos están apoiando esta instalación, pero están tardando moito en ofrecer resultados aceptables, así que lles poñen un ultimátum para facelo (por iso vai o personaxe de Samuel L. Jackson ata alí de visita). E a última proba confirma que a súa suposición é correcta. O que saben moi poucas persoas é que artificialmente están ampliando o tamaño dos cerebros das quenllas, para así ter máis proteína curadora. Pero claro, o efecto secundario obvio é que un ser vivo cun cerebro máis grande será máis intelixente. E as quenllas non teñen moita fama de filantropía, así que xa vos podedes imaxinar como deriva a cousa.
Pois nada, que un minuto despois de sacarlle unha mostra da proteína a unha das tres quenllas "modificadas" e confirmar que a curación do Alzheimer era posible (nunha simulación informática), a quenlla esperta e arríncalle un brazo ao xefe científico. Cando montan unha padiola e chaman a un helicóptero para que veña a buscalo, teñen a mala sorte de que xusto nese momento hai unha terrible treboada na zona (ai, as sempre inoportunas treboadas do cine estadounidense), unha das quenllas captura a padiola no aire, tira do cable metálico que a unía ao helicóptero, provoca unha explosión no complexo, e lanza a padiola contra unha cristaleira, que provoca que o complexo comece a inundarse e a afundirse. Dese xeito, as barreiras exteriores da superficie comezan a baixar, e así a liberdade está máis cerca, que é o que buscaban os moi intelixentes escualos.
E o resto da película consiste en tres quenllas salvaxes e nada inocentes perseguindo aos 5 ou 6 científicos ou operarios que aínda quedan alí (os outros marcharan de fin de semana). Xa imaxinades quen ganou (se hai dúas secuelas desta película), pero polos pelos, porque só sobreviven dous humanos. Sinto quitarvos o suspense, pero o primeiro tabeirón que morre faino pola explosión de gas dun forno e os outros dous con descargas eléctricas. O último deles xa conseguira saír dun complexo, faltoulle pouco.
Esta película confirma que os estadounidenses están chalados, cousa da que poucos dubidabamos, creo. No espazo de Cine Clásico da 2 rematou o ciclo de Paul Newman coa película "O xuíz da forca". A min soábame de algo o título, pero non a vira nunca. Mireina, pero non dei crédito ao que veía. Unha das películas máis disparatadas (por malas) que vin en moito tempo, pero ademais semella que está baseada nunha historia real, e parece que non se alonxaron demasiado da realidade. Flipante.
Foi dirixida en 1972 por John Huston, con guión de John Milius. A estrela destacada é Paul Newman, obviamente. Pero está acompañado por moitas secundarias de luxo. Por exemplo, a súa parella é Victoria Principal, moi noviña, que debutaba no cine, e que uns anos máis tarde triunfaría na telenovela "Dallas", que todos vimos en TVE e despois na TVG. E en papeis máis pequenos aparece xente como Anthony Perkins, John Huston, Ava Gardner, Stacy Keach, Jacqueline Bisset ou Roddy McDowall. Moi interesante o elenco, e aínda hai máis, moi resultóns e cuxas caras podían soarvos de moitas películas.
E despois temos o do título. O orixinal era algo así como "A vida e tempos do Xuíz Roy Bean". Pero en España foi titulada "O xuíz da forca" e en Hispanoamérica "O xuíz do patíbulo". Estes dous son bastante similares, e como pasa case sempre nestes casos, son bastante descritivos, incluso máis que os orixinais. O caso é que a película conta a historia, de forma máis ben fiel, polo que parece, dun personaxe real chamado Roy Bean que fixo o que se ve na película, para alucine doutras culturas e civilizacións. Seguramente nos EE.UU. é un personaxe coñecido e cuxo nome soa, pero por aquí non, por sorte.
A ver se dou explicado ben a historia, porque seguramente non é doada de comprender para un europeo. Este tal Roy Bean era un tipo que escapou axiña da casa e que non se dedicaba a cousa boa, e decidiu ir para a zona de Texas e (agora) Novo México, para vivir aventuras no oeste, a mediados do século XIX. No medio do deserto, chegou el só a unha taberna inmunda que estaba chea de ladróns e prostitutas. Intentou presumir de que era un dos que estaba nos carteis de perseguidos pola xustiza que había pegados na porta. Como resultado desa chulería, déronlle unha tunda entre todos, e para rematar, intentaron aforcalo, pero non colgándoo, senón poñéndolle unha soga ao pescozo, e atándoa a un cabalo, que fixeron saír ao galope.
O cabalo arrastrouno durante uns centos de metros, pero pouco despois a corda rompeu, e quedou alí moribundo. Unha rapaza do poboado que estaba xunto á taberna, que serían mexicanos, foi xunto a el, comprobou que non estaba morto, quitoulle a corda, e achegoulle o seu revólver, que lle caera uns metros antes de romper a corda. Descansou durante unhas horas ou días, non está moi claro, e volveu á taberna, na que, obviamente, xa non contaban con el. Debían estar todos peneques porque durmían profundamente. Aproveitou, a pesares de estar moi feble, para matalos a todos e completar a súa vinganza.
Ata este punto, aínda que é unha historia bastante salvaxe, propia do tempo e do lugar, ata podería entenderse. Pero agora a historia dá un xiro bastante flipante que seguramente non se entende en ningún outro lugar do mundo. Despois de facer iso, o tipo enterra a todos os que el matou, quédase coa taberna e a converte nun "saloon", e alucina vecina, autoproclámase xuíz daquelas terras. E o máis flipante é que a xente da contorna o acepta sen maiores dificultades. Pouco despois chegan catro tipos que recoñecen que, dada a súa pobreza, saíron xuntos para dedicarse a roubar, pero non teñen moitas cualidades, así que a cousa non lles vai moi ben. O "xuíz" proponlles que sexan os seus alguaciles, e a eles parécelles ben. E entre os cinco administran a xustiza de forma bastante discutible, pero naquela zona e época ata lles parecía avanzado.
E a partir deste absurdo punto de partida, a película é un absoluto delirio. Pasa por alí un predicador chalado, pasa Grizzly Adams e déixalle un oso que tiña engaiolado, que pasa a ser como a mascota do xuíz. O "saloon" ten un nome posto en homenaxe a unha actriz e cantante que triunfa en París, pero que non sabe nin que existe un sitio chamado Texas en América (o máis flipante é que esta parte está baseada na realidade). A película remata coa visita desa actriz ao "saloon", cando o xuíz xa morreu.
En definitiva, un auténtico disparate de película, que seguramente en EE.UU. estarán moi orgullosos dela, pero que a min me reafirma na idea de que están chalados, sen discusión. Non vou entrar en se a película, técnicamente, está ben feita ou non, pero dende o primeiro momento me sentín tan alleo a ela. Por momentos, pensei se sería unha comedia, pero a min tampouco me fixo graza, a non ser polo absurdo que parecía todo.