luns, 17 de maio de 2021

Exposicións actuais da Fundación Luís Seoane: Lolita Díaz Baliño e Víctor Moscoso

Había xa tempo que non ía ver exposicións. Un día destes, que tiven un día libre co que non contaba demasiado, que non ía mal tempo, e que se xuntaban varias exposicións na miña cidade que non tiñan mala pinta, fun de xira. E o resultado foi moito máis proveitoso do habitual. A exposición que ía clausurar uns días máis tarde resultou un auténtico fracaso para min, e outra que pillei de camiño tiña algunha cousa interesante, pero en xeral case nada.

Pero casualmente, as dúas exposicións que estaban (e estarán ata finais do verán ou comezos do outono) na Fundación Luís Seoane, son moi interesantes. E agrádame moito que sexa así, porque ese lugar me parece chulísimo, teño disfrutado moito vendo exposicións alí, e xa había tempo que non me pasaba.

Na planta baixa hai unha exposición sobre Lolita Díaz Baliño, irmán de Camilo, e tía de Isaac Díaz Pardo. Dedicáronlle o Día da Ilustración 2021. Non coñecía a súa obra. Sorprendeume moito a súa modernidade e como representaba á muller, de forma moi atractiva e suxerente.

E na planta superior había unha exposición sobre Víctor Moscoso. Aínda me soaba menos que a anterior. Vira algún cartel nalgunha axenda cultural, pero seguía sen saber de que estabamos falando. E tamén alucinei bastante. Foi unha das grandes estrelas do cartelismo da psicodelia, que tivo moito éxito nos anos 60 e 70, principalmente pola zona de San Francisco. Seguro que agora a todos vos veu á cabeza algún cartel daqueles concertos ou discos de grupos ingleses ou americanos daquela época, tan mareantes. Pois unha das figuras dese estilo era un tipo que naceu en Vilaboa, a carón da Coruña (creo que aínda está vivo, pero non podo aseguralo). A exposición remata dun xeito bastante espectacular. Hai unha sala na que se alternan luces de cores cada poucos segundos. Tal como estaban deseñados os carteis, e as cores das súas tintas, eses cambios de luz provocan animación nos carteis, porque fan que se vexan unhas figuras e se oculten outras. Bastante alucinante, si, pero funciona.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...