sábado, 15 de maio de 2021

O xuíz da forca

Esta película confirma que os estadounidenses están chalados, cousa da que poucos dubidabamos, creo. No espazo de Cine Clásico da 2 rematou o ciclo de Paul Newman coa película "O xuíz da forca". A min soábame de algo o título, pero non a vira nunca. Mireina, pero non dei crédito ao que veía. Unha das películas máis disparatadas (por malas) que vin en moito tempo, pero ademais semella que está baseada nunha historia real, e parece que non se alonxaron demasiado da realidade. Flipante.

Foi dirixida en 1972 por John Huston, con guión de John Milius. A estrela destacada é Paul Newman, obviamente. Pero está acompañado por moitas secundarias de luxo. Por exemplo, a súa parella é Victoria Principal, moi noviña, que debutaba no cine, e que uns anos máis tarde triunfaría na telenovela "Dallas", que todos vimos en TVE e despois na TVG. E en papeis máis pequenos aparece xente como Anthony Perkins, John Huston, Ava Gardner, Stacy Keach, Jacqueline Bisset ou Roddy McDowall. Moi interesante o elenco, e aínda hai máis, moi resultóns e cuxas caras podían soarvos de moitas películas.

E despois temos o do título. O orixinal era algo así como "A vida e tempos do Xuíz Roy Bean". Pero en España foi titulada "O xuíz da forca" e en Hispanoamérica "O xuíz do patíbulo". Estes dous son bastante similares, e como pasa case sempre nestes casos, son bastante descritivos, incluso máis que os orixinais. O caso é que a película conta a historia, de forma máis ben fiel, polo que parece, dun personaxe real chamado Roy Bean que fixo o que se ve na película, para alucine doutras culturas e civilizacións. Seguramente nos EE.UU. é un personaxe coñecido e cuxo nome soa, pero por aquí non, por sorte.

A ver se dou explicado ben a historia, porque seguramente non é doada de comprender para un europeo. Este tal Roy Bean era un tipo que escapou axiña da casa e que non se dedicaba a cousa boa, e decidiu ir para a zona de Texas e (agora) Novo México, para vivir aventuras no oeste, a mediados do século XIX. No medio do deserto, chegou el só a unha taberna inmunda que estaba chea de ladróns e prostitutas. Intentou presumir de que era un dos que estaba nos carteis de perseguidos pola xustiza que había pegados na porta. Como resultado desa chulería, déronlle unha tunda entre todos, e para rematar, intentaron aforcalo, pero non colgándoo, senón poñéndolle unha soga ao pescozo, e atándoa a un cabalo, que fixeron saír ao galope.

O cabalo arrastrouno durante uns centos de metros, pero pouco despois a corda rompeu, e quedou alí moribundo. Unha rapaza do poboado que estaba xunto á taberna, que serían mexicanos, foi xunto a el, comprobou que non estaba morto, quitoulle a corda, e achegoulle o seu revólver, que lle caera uns metros antes de romper a corda. Descansou durante unhas horas ou días, non está moi claro, e volveu á taberna, na que, obviamente, xa non contaban con el. Debían estar todos peneques porque durmían profundamente. Aproveitou, a pesares de estar moi feble, para matalos a todos e completar a súa vinganza.

Ata este punto, aínda que é unha historia bastante salvaxe, propia do tempo e do lugar, ata podería entenderse. Pero agora a historia dá un xiro bastante flipante que seguramente non se entende en ningún outro lugar do mundo. Despois de facer iso, o tipo enterra a todos os que el matou, quédase coa taberna e a converte nun "saloon", e alucina vecina, autoproclámase xuíz daquelas terras. E o máis flipante é que a xente da contorna o acepta sen maiores dificultades. Pouco despois chegan catro tipos que recoñecen que, dada a súa pobreza, saíron xuntos para dedicarse a roubar, pero non teñen moitas cualidades, así que a cousa non lles vai moi ben. O "xuíz" proponlles que sexan os seus alguaciles, e a eles parécelles ben. E entre os cinco administran a xustiza de forma bastante discutible, pero naquela zona e época ata lles parecía avanzado.

E a partir deste absurdo punto de partida, a película é un absoluto delirio. Pasa por alí un predicador chalado, pasa Grizzly Adams e déixalle un oso que tiña engaiolado, que pasa a ser como a mascota do xuíz. O "saloon" ten un nome posto en homenaxe a unha actriz e cantante que triunfa en París, pero que non sabe nin que existe un sitio chamado Texas en América (o máis flipante é que esta parte está baseada na realidade). A película remata coa visita desa actriz ao "saloon", cando o xuíz xa morreu.

En definitiva, un auténtico disparate de película, que seguramente en EE.UU. estarán moi orgullosos dela, pero que a min me reafirma na idea de que están chalados, sen discusión. Non vou entrar en se a película, técnicamente, está ben feita ou non, pero dende o primeiro momento me sentín tan alleo a ela. Por momentos, pensei se sería unha comedia, pero a min tampouco me fixo graza, a non ser polo absurdo que parecía todo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...