domingo, 4 de xullo de 2021

Museo Estrella Galicia

Hai unhas semanas por fin puiden visitar o Museo Estrella Galicia, polo visto o primeiro museo da cervexa que se abre en España. Teño sorte de que ese significativo museo está a uns 15 minutos da miña casa, pero aínda así tardei 2 anos en poder visitalo. Xa hai tempo xurdiu a posibilidade de facer a visita guiada organizada pola empresa na que traballo, pero ao final non foi posible, creo que eramos demasiada xente e non era doado organizar os grupos e os horarios.

Eu xa tiña a experiencia de visitar dous museos da cervexa anteriormente. Seguramente dous dos que teñen máis fama en Europa: o da Guinness en Dublín e o da Heineken en Amsterdam. Case nada. Supoño que en países como Alemaña ou a República Checa, que xa visitei, teñen tamén museos e fábricas de cervexa que poden visitarse, pero non me cadrou. En todo caso, tiña o listón bastante alto.

A verdade é que non estivo mal. Aparte do feito de que a guía que nos tocou foi alumna miña no pasado, cousa que xa me pasa con bastante frecuencia en todo tipo de establecementos. Polo visto, nos poucos meses que estivo aberto antes da pandemia, os grupos que formaban eran dun máximo de 16 persoas. Agora só teñen 10 prazas en cada quenda, que son cada media hora. Botando contas, nunha tarde ía ser imposible que puideran atender a todas as persoas que traballan no meu colexio, pero coas cifras de antes da pandemia se cadra andabamos cerca. Supoño que esa foi a razón para descartar esta agradable visita.

Creo que se pode facer a visita por libre, a un prezo máis modesto, pero case nin a publicitan. O normal é a visita guiada con tiraxe (ou sexa, que a caña que despois degustas, a botas ti directamente do surtidor despois de que che expliquen a forma idónea de facelo). Pero podes tamén combinala con maridaxe de queixos ou de conservas. E a modalidade máis cara é o Tour 1906, que engade unha visita guiada á Coruña dese ano, co guía turístico Suso Martínez como estrela. Tendo en conta que nese ano tamén se fundou a Real Academia Galega e o Deportivo, foi un ano esencial para esta cidade.

Ao entrar danche unha pequena mochila que leva unha caixa de cartón cunha copa e un posavasos, que serán os que despois uses na degustación final. Aparte diso tamén hai cinco pequenos cilindros de cristal, nos que se gardan uns grans de distintas cebadas e lúpulos. E vanche explicando cousas sobre eles ao comezo da visita, e podes ulilos e ata comelos. E tamén vai un mini-punteiro, necesario nestes tempos de pandemia para poder interactuar con máis seguridade nas pantallas táctiles que hai en varios lugares.

Tamén se ve parte da fábrica actual funcionando, e noutra planta vense e poden probarse varios subprodutos e produtos intermedios da elaboración da cervexa. E así podemos comprobar como, ao comezo do proceso, aínda non sabe demasiado ben, pero segundo lle van engadindo ingredientes e realizando procesos, o sabor vai mellorando. Ao final, na última planta, a degustación, con vistas a través dun ventanal. A mágoa é que as vistas son a un polígono industrial e a unhas avenidas e autovías sen moito atractivo visual, coas vistas que hai nesta cidade. Lembro que as vistas na Guinness podían ser fantásticas, se non fora porque Dublín me parece unha cidade bastante fea. E que na Heineken daban a unha praza con árbores, pero en Amsterdam tamén había sitios moito máis interesantes.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...