sábado, 15 de maio de 2021

Deep Blue Sea

Poderíamos resumilo dicindo que é algo así como unha continuación de "Tabeirón". Aínda que esa película tivo varias secuelas, que ían na mesma liña que a primeira, pois esta película é unha certa sofisticación daquelas, pero tamén se basea en humanos perseguidos por salvaxes quenllas, que acaban morrendo de formas parecidas ás da outra saga. A diferenza estriba en que nesta película, as quenllas son máis salvaxes por ser máis intelixentes, son tres, e están atrapadas nun espazo pechado, pero aos humanos pásalles o mesmo. Acabo de ver que hai xa dúas secuelas desta tamén, non mas quero nin imaxinar.

A película foi dirixida polo finlandés Renny Harlin en 1999. Non ten grandes estrelas no elenco, se cadra o máis coñecido é Samuel L. Jackson, pero é que tampouco dura tanto tempo, porque dos actores máis coñecidos da cinta, é dos que primeiro é engulido polos voraces escualos. Xunto a eles están persoas que protagonizaron algunha película ou serie, en papeis principais ou secundarios, nesa época: Saffron Burrows, Stellan Skarsgaard, Michael Rapaport, LL Cool J... Por certo, en España mantiveron o título orixinal en inglés, mentres que en Hispanoamérica a titularon "Alerta no profundo".

A historia transcorre nunha instalación case submariña na que se están facendo experimentos moi avanzados con tres quenllas. Descubriron que no cerebro da quenlla hai unha proteína que podería servir para crear fármacos que curarían enfermidades dexenerativas como o Alzheimer. Algúns grupos económicos están apoiando esta instalación, pero están tardando moito en ofrecer resultados aceptables, así que lles poñen un ultimátum para facelo (por iso vai o personaxe de Samuel L. Jackson ata alí de visita). E a última proba confirma que a súa suposición é correcta. O que saben moi poucas persoas é que artificialmente están ampliando o tamaño dos cerebros das quenllas, para así ter máis proteína curadora. Pero claro, o efecto secundario obvio é que un ser vivo cun cerebro máis grande será máis intelixente. E as quenllas non teñen moita fama de filantropía, así que xa vos podedes imaxinar como deriva a cousa.

Pois nada, que un minuto despois de sacarlle unha mostra da proteína a unha das tres quenllas "modificadas" e confirmar que a curación do Alzheimer era posible (nunha simulación informática), a quenlla esperta e arríncalle un brazo ao xefe científico. Cando montan unha padiola e chaman a un helicóptero para que veña a buscalo, teñen a mala sorte de que xusto nese momento hai unha terrible treboada na zona (ai, as sempre inoportunas treboadas do cine estadounidense), unha das quenllas captura a padiola no aire, tira do cable metálico que a unía ao helicóptero, provoca unha explosión no complexo, e lanza a padiola contra unha cristaleira, que provoca que o complexo comece a inundarse e a afundirse. Dese xeito, as barreiras exteriores da superficie comezan a baixar, e así a liberdade está máis cerca, que é o que buscaban os moi intelixentes escualos.

E o resto da película consiste en tres quenllas salvaxes e nada inocentes perseguindo aos 5 ou 6 científicos ou operarios que aínda quedan alí (os outros marcharan de fin de semana). Xa imaxinades quen ganou (se hai dúas secuelas desta película), pero polos pelos, porque só sobreviven dous humanos. Sinto quitarvos o suspense, pero o primeiro tabeirón que morre faino pola explosión de gas dun forno e os outros dous con descargas eléctricas. O último deles xa conseguira saír dun complexo, faltoulle pouco.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...