No verán vin a famosa película "O aviador" sobre a vida de Howard Hughes, tremendo personaxe. Como ademais de aviador tamén foi cineasta, quixen ver algunha das películas que el dirixira ou producira, e a máis accesible foi "Scarface", clásico de 1932 que eu xa vira décadas antes, que conta a vida de Al Capone. Cando buscaba información sobre esa película, tamén aparecía esta da que vou falar agora, que se fixo 50 anos despois, e entroume a curiosidade. E mira ti por onde que hai unhas semanas botárona na 2, aínda que non puiden vela cando a emitiron, senón na plataforma RTVE Play, moi visitada por min.
"Scarface: o prezo do poder" foi dirixida en 1983 por Brian de Palma, con Oliver Stone no guión. Di estar baseada na película de 1932, que foi dirixida, producida e guionizada por Howard Hawks, Howard Hughes e Ben Hecht (vaia trío), pero vaia, é unha versión bastante libre, vai de mafiosos, pero noutra época e cidade diferentes. No elenco hai moita xente famosa, como Al Pacino, Steven Bauer, Michelle Pfeiffer, Robert Loggia, F. Murray Abraham, Paul Shenar e Mary Elizabeth Mastrantonio.
Na película dos anos 30 falábase de Al Capone en Chicago, pero por se acaso (o caso estaba moi fresco) ao personaxe chamábanlle doutro xeito. Esta está ambientada no Miami de principios dos 80. Naquel momento hai un conxunto de expresidiarios cubanos que son liberados e levados a Miami nun intercambio entre os dous países, que non se levan precisamente ben, pero a maioría dos exiliados cubanos están alí. Entre eles vai un tal Tony Montana, que presume de ser un malote e de estar preparado para traballar para calquera outro malote que lle pague ben.
E aí comeza a súa carreira meteórica cara a cima, aliándose con mafiosos e traballando para eles, despois traizoándoos, matándoos e quedándose coas súas noivas ou mulleres, chegando a niveis obsesivos de seguridade e control dos seus familiares e amigos, xa raiando na paranoia. Incluso entran en tratos con perigosísimos narcotraficantes bolivianos, que obviamente non se andan con bromas. Ao final enfila o camiño do cárcere non por todas as barbaridades que fai senón por evasión fiscal (iso si o fai parecido a Capone) e acaba acribillado de forma salvaxe na súa propia mansión.
No momento da súa estrea xa foi moi criticada porque era unha película moi explícita coa violencia e o tráfico e consumo de drogas, pero a estas alturas iso xa está máis que superado, e agora ten bastante prestixio e está moi ben considerada.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario