sábado, 15 de maio de 2021

Speed 2

Si, si, seguramente vos sorprenderá que vira esta película, incluso a min un pouco. Pero como xa dixen aquí hai pouco, cando vin de novo "Speed", na que un chalado terrorista estadounidense causaba o terror nun ascensor, nun autobús e finalmente nun metro (todo na mesma película), quedoume a malsana curiosidade de preguntame "se hai secuelas desta película, que se lles ocorrería?". E mira ti, que tiña interese por sabelo, por iso vin esta película, bastante mediocre, obviamente.

Foi dirixida en 1997 por Jan de Bont tamén (o mesmo director da primeira, tres anos despois, había que estirar o chicle). Sandra Bullock seguía por alí, pero esta vez non conducía nada, e o "mazas" de turno era Jason Patric, un policía de Los Ángeles, que xa sabemos que saben de todo. O terrorista chalado nesta ocasión é Willem Dafoe, que non ten cara de boa xente (aínda que en Platoon era dos máis decentes, e tamén fixo de Xesucristo). É un detalle desta saga que os chalados terroristas son sempre estadounidenses chinados porque os botaron dunha empresa, porque non lles pagaron o que crían xusto, e tontadas similares. O resto de secundarios son, polo menos para min, totalmente descoñecidos, e seguramente esquecibles.

Pois nada. Que o personaxe de Sandra Bullock, despois da tensión da primeira película, quere irse de vacacións co seu novo mozo, que tamén é policía de Los Ángeles, como o Keanu Reeves da primeira parte. E deciden coller un cruceiro (primeira dúbida resolta, agora toca un barco). Chamoume a atención que o cruceiro que collen é bastante pequeno, creo. Porque onde eu vivo, na Coruña, vemos transatlánticos con frecuencia, e o desta película era diminuto (tendo en conta as cafradas que lle ían facer, supoño que colleron un vello e pequeno, para destrozalo durante a rodaxe). E na recepción aos viaxeiros, vese algo flipante, que son actuacións en directo de Carlinhos Brown e UB-40.

Pero esta parelliña teñen a mala sorte de coincidir na viaxe cun ex-empregado da empresa que fleta os cruceiros, que está chinado con eles, e que quere destruír o barco. Como é informático, quere controlar o barco dende o seu camarote, e conségueo. Con distintas sabotaxes, lanza o barco a toda máquina contra un petroleiro que está ancorado xunto a unha illa do Caribe. Esquívano de casualidade, pero o que xa non poden evitar é que o cruceiro choque contra terra e se introduza varios centos de metros na vila ateigada de turistas.

Bastante incrible todo, si. E estou lendo que se cadra hai "Speed 3", co mesmo director e as mesmas estrelas da primeira vez, pero con case 30 anos máis enriba. Non sei se é un proxecto, se xa se está rodando, se xa se rodou e está á espera de estrearse. E parece que será nun avión ou nave espacial. Mimadriña.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...