A verdade é que xa non contaba eu con esta visita. Polo que dicían naqueles días (xa pasou hoxe xusto un mes dende o concerto), había 15 anos que non tocaba en Galicia, e daquela fixérao tamén no Coliseum da Coruña. Eu, que daquela non tivera nunca a oportunidade de velo en directo, pensei que ía ser a primeira e última vez, pero vese que non. Silvio Rodríguez xa anda cerca dos 80 anos, e como siga con esta cadencia, creo que xa vai ser complicado que volva a velo. Éche o que hai. Pero o caso é que con esa idade segue mantendo o impresionante timbre de voz da súa xuventude (podedes comprobalo no vídeo).
Eu cheguei xustiño para o concerto, non por compromisos previos, senón porque xa o fixen así a propósito, para non ter que aturar colas nin longas esperas. Polo que oín despois (se o anunciaron, eu non me enterei), o grupo Escuchando Elefantes fixeron de teloneiros, pero eu non cheguei a velos, porque sentei na miña localidade 2-3 minutos antes do comezo do concerto. Estivo moi ben, eu quedei moi satisfeito, pero polo visto, a outros non lles pasou o mesmo.
Cando saía, coincidín cun grupo que ían dicindo que ían algo decepcionados, porque non tocara moitos dos super-éxitos dos primeiros discos. E algo de razón non lles faltaba, non tocou demasiadas cancións desa época, catro ou cinco, como moito. O que pasa é que con Silvio Rodríguez, polo menos a min, sucédeme algo que non me sucede con case ningún outro cantante ou grupo. Na maioría dos grupos, o mellor con diferenza do seu repertorio está nos catro ou cinco primeiros discos, e a partir de aí, a merma no talento é tanta, que calquera canción posterior desentona moito con respecto ás primeiras. Pero no caso de Silvio non sucede tanto iso. Non botei a conta, pero creo que se poden escoitar moitas cancións de discos como o décimo ou duodécimo e tamén están moi ben, non tanto como as primeiras, pero non desentonan apenas nada. E parece que iso foi o que fixo, tocou máis cancións da "serie B" do seu repertorio do que antes era habitual. Pero é que a serie B de Silvio é mellor que a serie A de case calquera outro.
O grupo estaba formado por un guitarrista, un tañedor de tres (que será, un tresero?), un contrabaixista, un batería e percusionista, unha muller que tocaba a frauta, saxofón e clarinete (creo que é a súa parella), e unha rapaza que facía os coros, tocaba de cando en vez un teclado e algo de percusión. Como anécdota, as dúas mulleres e máis el levantáronse no medio do concerto e foron a un curruncho do escenario para tocar "La belleza" de Luis Eduardo Aute.
Saúdos.