luns, 17 de maio de 2021

Robin dos Bosques

Neste blog falo moito de cine, porque dende o confinamento, aprendín a localizar as boas películas que botan na televisión. Pero esta non a botaban, senón que a tiña eu nunha colección de DVDs. Era unha noite importante e quería ver bo cine, e gastei un cartucho desa colección. Esta película xa a vira eu hai moitos anos, pero estes clásicos nunca cansan.

Esta versión da historia de Robin Hood debe ser seguramente a primeira que se levou ao cine. Foi dirixida en 1938 por William Keighley e Michael Curtiz. Comezou o primeiro deles (do que eu nunca oíra falar), pero botárono, porque a rodaxe ía moi lenta e non estaba gustando, e contrataron ao segundo, de orixe húngara (Mihaly Kertesz, entereime o outro día, non o sabía), que era moi competente e eficaz, rodaba ben e a gran velocidade, os estudios o adoraban. O papel principal foi para o australiano Errol Flynn, de Marian fixo Olivia de Havilland, e os principais villanos foron Basil Rathbone e Claude Rains. O resto de secundarios, moito menos coñecidos, pero moi resultóns. Pero seguro que moitas caras vos soarán, porque a película ten xa moitas décadas, e esa xente saíu en moitas producións.

A historia non ten moitas voltas, é moi coñecida, e como case sempre, está presentada de forma moi maniquea. Os malos son malísimos e non teñen máis que malas intencións. E Robin Hood é un bendito que non se equivoca nunca e só ten boas intencións. E por se non chegara con iso, xógase coa mitificación de Ricardo Corazón de León. Ou sexa, os anglosaxóns exportando os mitos da súa lenda. Pero a película é moi entretida, non se pode negar.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...