martes, 31 de agosto de 2021

Aram o armenio

Inauguro con este artigo a sección de Banda Deseñada (cómic para os menos espabilados). Non son eu gran amante desta arte, aínda que non está mal, e case todo o que teño é banda deseñada en galego. Se cadra algún día dou o salto a outros idiomas, pero de momento vou tanteando o que hai en galego, arte na que non somos malos, polo visto.

E se quero ler banda deseñada en galego, aparte dalgúns autores xa consagrados que editan no noso idioma, a editorial de referencia é Demo Editorial, dirixida polo fantástico Manel Cráneo. Tamén fai un gran traballo Kiko da Silva dende Pontevedra co seu Garaxe Hermético (escola de debuxantes) e revistas como Retranca ou A Viñeta de Schrödinger.

Hai unhas semanas pasei pola caseta de Demo Editorial no salón "Viñetas dende o Atlántico", e merquei varias obras. Unha delas, que xa lle vira hai algún tempo, e que me chamou a atención, era "Aram o armenio". O guionista é o ferrolán Abel Alves, que estivo afincado durante algúns anos en Uruguai (isto ten importancia, como veremos). A debuxante é a arxentina Majox. E Lara Lee foi quen lle deu cor. Polo que se ve, isto da banda deseñada pode chegar a ser un traballo en equipo.

Polo que acabades de ler, esta obra semella ter bastante vinculación con Sudamérica, aparte de con Armenia, claro. Por que? Porque nalgúns lugares de Sudamérica, como Uruguai, hai unha numerosa colonia de armenios emigrados, que aproveitan para difundir a súa terrible historia, e a razón pola que tiveron que emigrar. Cal é esa razón? Pois incriblemente moita xente a descoñece, pero en 1915, nos estertores do Imperio Otomán (que pouco despois se ía converter en Turquía da man de Ataturk), esa xente perpetrou unha auténtica masacre sobre o pobo armenio.

Moitos países aínda non recoñecen que iso sucedeu, e Turquía tardou bastante tempo en recoñecelo, aínda que había moita xente doutros países que estaba alí e deu testemuña clara do que estaba pasando. Turquía agora só recoñece a masacre, pero non acepta chamarlle xenocidio, canto todo parece indicar que si o era, porque as testemuñas din que se exterminaba principalmente aos homes armenios polo mero feito de selo, mentres que se conservaba ás mulleres e nenos, pero parece que non con bos propósitos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...