venres, 30 de agosto de 2024

Viñetas dende o Atlántico 2024

Este verán xa se celebrou a edición de 2024 do salón coruñés do cómic "Viñetas dende o Atlántico". Foi a primeira edición baixo a dirección de Manel Cráneo. A min transmitíronme boas sensacións algunhas cousas que vin nos días que estiven alí e teño entendido que gustou bastante o estilo que marcou. Así que, xa tranquilos porque se comprobou que podía superarse a marcha de Miguelanxo Prado, augúrase un futuro proveitoso para o salón.

Xa sabedes que non son eu un experto en cómic, e case ningunha das exposicións que puxeron me chamou demasiado a atención. Se queres, mira ti, se cadra a máis emotiva é a da homenaxe dos debuxantes coruñeses a Akira Toriyama, xa que ubicaron a diferentes personaxes dese autor en paisaxes galegas. Pode verse na sala de exposicións de Durán Loriga. Todas as exposicións poden verse ata finais de setembro, agás as que están no Kiosco Alfonso, que estarán ata o final das vacacións de Nadal.

Podo comentar os cómics que merquei na feira (son case as únicas compras deste tipo que fago no ano):
- "Cinza" de Manel Cráneo, versión en banda deseñada de "A nosa cinza", a famosa novela de Xavier Alcalá.
- "Espero chegar em breve" de Nunsky, unha versión en portugués dun relato breve do mítico Philip K. Dick, un dos xenios da ciencia-ficción.
- Tres volumes dunha colección de cómics sobre científicos publicada pola editorial Anillo de Sirio. O guión e debuxos son de Jordi Bayarri (que me dedicou os tres) e a cor é de Dani Seijas. Dos moitos números que teñen, eu collín tres dedicados a mulleres científicas: Marie Curie, Hipatia e Ada Lovelace.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...