venres, 9 de agosto de 2024

O voo da curuxa


Está a piques de chegar unha edición máis de Viñetas dende o Atlántico, este ano coa novidade de Manel Cráneo na dirección do salón, tras 25 anos no cargo de Miguelanxo Prado. Un dos cómics que merquei o ano pasado, precisamente recomendado polo propio Manel, foi "O voo da curuxa", da autoría de Inacio Vilariño e Iván Suárez, que xa traballaron conxuntamente nalgunha obra anterior da editorial Demo.

A proposta inicial tiña boa pinta, pero ao final quedou bastante esvaecida. Un escritor nado en Cuba e que estivo principalmente activo no mundo hispanofalante a finais do século XIX e sobre todo no primeiro tercio do século XX, chamado Eduardo Zamacois, estivo de xira por España nos anos 20 intentando facer un documental cos principais escritores españois, entrevistándoos e nos que se visen algunhas esceas da súa vida normal. Polo que parece, ao principio pasaban bastante del, pero en canto Pérez Galdós dixo que si, de súpeto a todos lles entrou o interese. Esta obra fala da visita que lle fixo Zamacois a Emilia Pardo Bazán no seu Pazo de Meirás, uns meses antes de que morrera. Parece que de aí saíron as únicas imaxes de cine que existen da autora, pero non sei onde se pode ver ese documental.

A obra conta como son as circunstancias desa breve visita e rodaxe, e o que facía Emilia neses intres, pero a maior parte das viñetas son fragmentos de relatos da autora, que ela simula estar lendo mentres lle graban. Non está mal, pero ao final decepciona un pouco, non hai apenas chicha.

Saúdos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...