sábado, 25 de febreiro de 2023

Carros de lume

Hai xa unhas cantas semanas, no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, botaron a película "Carros de lume" (en Hispanoamérica traducido como "carrozas", e é certo que a tradución máis fiel podería ser "carrozas"). Lembro que a vira co meu irmán no seu momento e que nos gustara moito (levou o Óscar a mellor película daquel ano, así que debeu pasarlle a moita xente). O que máis me flipou neste segundo visionado, 40 anos despois, é que o nome dun dos personaxes principais aínda o lembraba perfectamente. Creo que está baseada en personaxes reais, pero diso falarei máis abaixo.

A película foi dirixida por Hugh Hudson no ano 1981. E o produtor foi David Puttnam, que naqueles anos tivo uns cantos éxitos nese labor, como "A misión" ou "Os berros do silencio". Os dous papeis principais son para os dous atletas británicos que teñen máis presenza na historia: Harold Abrahams (interpretado por Ben Cross) e Eric Liddell (interpretado por Ian Charleson). Nos dous casos seguramente foi o papel da súa vida, cando eran aínda bastante novos. Despois hai moitos secundarios ilustres, como Ian Holm, John Gielgud, Lindsay Anderson, Nigel Havers, Patrick Magee ou Brad Davis (facendo dun dos atletas estadounidenses). É unha película netamente británica, pero diso tamén falarei despois.

A película non ten moita ciencia, pero resulta bastante épica, sobre todo coa magnífica banda sonora de Vangelis (por certo, faleceu hai pouco, igual que Hugh Hudson, o director da película). Basicamente consiste na preparación dos velocistas británicos para os Xogos Olímpicos de París 1924, onde ían ter como rivais sobre todo aos mellores velocistas estadounidenses. Abrahams é de orixe xudea e cústalle moito introducirse na élite da sociedade británica e só o consegueu a través dos seus éxitos deportivos (que tampouco foron demasiados porque tivo que retirarse axiña por unha lesión nun pé). Liddell era de familia escocesa pero os seus pais eran misioneiros evanxélicos na China, igual que despois o foi el, e el naceu xa na China. Pero representou ao Reino Unido naqueles Xogos Olímpicos. Tamén era un talentoso xogador de rugbi, moi querido por todos.

A principal "intriga" da película xorde cando Liddell é informado, poucos días antes da proba, de que as eliminatorias de 100 metros lisos, especialidade na que destacaba, van ser en domingo. O seu "fanatismo" relixioso impídelle correr nese día da semana, e decide desistir. Hai unha crise institucional no Comité Olímpico, e incluso participa como mediador o Príncipe de Gales, que asiste aos Xogos, e consegue convencer a Liddell para que represente ao seu país en 200 e 400 metros lisos, aínda que nesas probas non destacaba tanto. Abrahams acaba gañando a proba de 100 metros e Liddell sorpresivamente a de 400, co seu estraño de estilo de cabeza botada para atrás (pouco aerodinámico, na miña humilde opinión). Por comentar algo máis de Abrahams, hai algo de polémica porque tiña un adestrador profesional (o que estaba mal visto ou incluso prohibido na Universidade de Cambridge, que é onde adestraban) que era moi esixente.

Vou rematar coa miña valoración da película, que dá bastante de si. Cando vin a película no seu momento eu tiña uns 10 anos e debía ser facilmente impresionable. Pero agora xa entendo mellor algunhas cousas e hai algunhas que me "chirrían" bastante nesta película. Dicía antes que era netamente BRITÁNICA, e seguramente pode notarse en que o Reino Unido nunca foi unha potencia en velocistas. Se cadra quixeron sacar músculo neses Xogos Olímpicos en que sacaron uns grandes resultados. Os estadounidenses si son fortes en velocistas, pero negros, porén as dúas figuras que aparecen (unha delas interpretada por Brad Davis) son brancas. De feito, nas probas de velocidade que se amosan na película case non sae ningún velocista negro. É probable que naquel momento histórico fora así na realidade, non o discuto, pero soa algo raro, dende logo. Acabo de mirar na Wikipedia e parece que a realidade era así, case non había atletas nin países con poboación negra, e apenas había mulleres tampouco.

E o outro detalle que non me gustou vai na mesma liña. Vense atletas, figuras, e bandeiras no desfile inaugural principalmente dos países anglófonos, e pode que tamén de Francia, basicamente porque os Xogos eran en París. Creo que só vin un breve plano no que se veían, ao remate do desfile inaugural, as bandeiras de varios países fóra desa órbita, creo que Xapón e algún máis. Descoñezo por completo como eran aqueles Xogos Olímpicos daquela primeira era (comezaron en Atenas en 1896). Acabo de mirar na Wikipedia e participaron delegacións de case 50 países, pero na película non aparecían por ningures.

Saúdos.



sábado, 11 de febreiro de 2023

Lugar

E o volume número 94 da Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia estaba esta vez dedicado ao teatro, cousa que non é moi habitual. Era a obra "Lugar" do dramaturgo coruñés Raúl Dans, que tamén destaca como guionista e como actor de dobraxe.

Ler teatro é unha experiencia estraña. Dende logo, a lectura é case sempre moi fluída e rápida, ao tratar basicamente de diálogos. Esta é unha das principais razóns polas que comecei a ir ao teatro hai xa uns 30 anos, e resulta que unha vez alí foron outras cousas as que me atraparon, pero esa é outra historia. Pero ver unha obra representada é unha cousa ben diferente, e normalmente mellor.

"Lugar" está basicamente protagonizada por dous personaxes que se cruzan nunha illado apeadeiro do tren. Parece como se se coñeceran, ou que se coñeceron noutro tempo, pero agora non se recoñecen. Semella haber unha barreira temporal que impide a relación entre os dous personaxes.

A obra non está mal, pero tampouco me apaixoou, aínda que a idea apuntaba boas maneiras. Polo que parece, o Centro Dramático Galego estreou en 1999 esta obra nos escenarios, cousa da que ben me alegro, que esa compañía teatral pública represente tamén obras de autores galegos contemporáneos.

Saúdos.



Habitante único

Se ledes neste blog de cando en vez, xa saberedes que vou avanzando, aos poucos, na lectura sistemática dos 120 volumes da Biblioteca Galega 120, que A Voz de Galicia sacou no ano 2002, cando cumpría 120 anos, dirixida por Tucho Calvo.

Despois dalgún tempo sen ler nada desa colección (por razóns "loxísticas" que non veñen ao caso), encaro o último tramo dos últimos 28 volumes. Pero tranquilidade, que pode levarme fácilmente 2-3 anos, así que ao mellor non remato ata o 2025. A maioría dos volumes son breves (habitual na literatura galega), pero algún groso haberá polo medio, digo eu.

O volume número 93 pasou por min sen pena nin gloria. Foi o poemario "Habitante único" de Manuel Álvarez Torneiro, e creo que non conseguín reter nin unha palabra. Iso non significa que estea mal, nin moitísimo menos, simplemente que eu raramente engancho coa poesía. Acabo de ler unha breve biografía e non semella moi claro que sexa a obra máis relevante deste autor, nin moito menos, de feito case nin se menciona.

Así que rematarei este breve artigo falando algo do autor, que naceu e morreu na Coruña. Morreu hai poucos anos, e cruzábame eu con certa frecuencia con el pola rúa, incluso non descarto que vivira cerca da miña casa. Case sempre ía paseando con Xosé Fernández Ferreiro, outro autor que destacou coa novela "Agosto do 36", que tamén vivía aquí. Oínlle dicir a alguén que eran dous tipos algo crispados, criticando a todo o mundo e á sociedade, pero ao menos tempo cultísimos e de conversa moi amena.

Saúdos.



A biblioteca dos libros rexeitados

Non é moi habitual que vexa eu cine europeo actual, e moito menos francés. Se cadra pesa demasiado sobre min o prexuízo de que é cine algo gris, triste, lento, con historias sobre xente normal no momento actual, combinación que non me motiva nadiña. Pero de cando en vez hai que picar, e efectivamente a industria cinematográfica francesa é ben potente. Así que vin que botaban na 2 este título tan atractivo, vin un pequeno anuncio, e decidín probar, e non estivo nada mal a cousa.

A película foi dirixida en 2018 por Remi Bezançon, e a historia está baseada nunha novela de David Foenkinos, nome que me soa moito pero do que non lin nada ata agora. Os protagonistas principais son Fabrice Luchini, Camille Cottin (sae nun anuncio con George Clooney, así que xa debe ser moi coñecida fóra de Francia) e Alice Isaaz.

A historia é ben interesante. Unha editora novata entérase de casualidade que nun pobo de Bretaña un bibliotecario decidiu crear unha curiosa Biblioteca dos Libros rexeitados, formada por novelas que as grandes editoriais francesas decidiron non publicar. Un día vai por alí de visita e escolle, ao chou, un dos manuscritos. Queda prendada del, fai todo o posible para que se publique na editorial na que traballa e convértese nun best-seller. Para sorpresa de todos, o autor parece ser un pizzeiro do pobo ao que non se coñecían en absoluto ese tipo de tendencias, incluso a súa muller di que nunca o viu lendo un libro.

Un crítico literario que ten un programa de máxima audiencia na televisión, no día no que vai entrevistar á editora e á esposa do autor, di desconfiar completamente da autoría do libro e di que fará todo o posible por descubrir quen é. Ao facelo en directo, é despedido automaticamente.

A partir dese momento comeza a busca do crítico e as viaxes a Bretaña para intentar saber que foi o que puido pasar. E como a película é bastante recente, ten unha trama relativamente complicadada cuns cantos xiros inesperados. O crítico conta coa alianza, ao comezo totalmente escéptica con el, da filla do pizzeiro, que tampouco as ten todas consigo.

Saúdos.


luns, 23 de xaneiro de 2023

Dúas mulas e unha muller

Certo é que xa me cruzara antes unhas cantas veces con esta película, pero sempre a desdeñei e pasei de vela. Pero puxérona no espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite, e automaticamente colleu certo prestixio aos meus ollos, que sempre me parecera un pouco de broma, e en certo xeito o é, pero tamén recoñezo que pasei un bo pedazo véndoa.

Foi dirixida en 1970 por Don Siegel, con protagonismo total para Clint Eastwood e Shirley MacLaine (aínda que seguramente habería que escribilos na orde inversa). O resto do elenco secundario son mexicanos aos que respecto moito, pero non coñecía a ningún, e sospeito que non os verei en ningunha outra película. Por certo, o título orixinal era algo así como "Dúas mulas para a irmá Sara" e en México cravaron a tradución, pero no resto de Hispanoamérica e España decidiron innovar.

Porque a película, aparte de ser xa algo rara de por sí, pola temática, tamén ten unha ambientación e produción pouco común. Semella unha produción mexicana do estilo dos spaghetti western, porque aínda está Morricone na música, as estrelas son estadounidenses pero Eastwood fíxose famoso en películas dese tipo, e cambian a Sergio Leone por Don Siegel, pero o resultado final é similar.

A historia transcorre nese momento no que en México loitan os seguidores de Juárez co exército invasor francés do rei austríaco Maximiliano I (a min iso do rei austríaco en México sempre me fixo bastante coña). Un mercenario chamado Hogan está cruzando o deserto coa intención de chegar a un forte dos franceses e roubar os cartos. Pero no camiño atopa a uns asaltantes que están atacando a unha monxa, xa case desvalida, e sálvaa, obviamente.

A partir de aí, deberían separar os seus camiños, pero mira ti por onde, que a monxa sabe moito sobre ese forte francés e pode axudar ao mercenario no seu plan de asalto, cousa que a ela non lle parece mal, pois parece que o exército francés desagrádalle bastante. Vaise vendo, por diferentes feitos, que a monxa "ten moita vida" e sabe moitas cousas que, por lóxica e profesión, non debería saber. Cara ao final descúbrese que realmente é unha prostituta que traballa no burdel máis popular da vila na que se atopa o cuartel, e conseguen asaltalo con éxito axudando aos juaristas.

Saúdos.





domingo, 8 de xaneiro de 2023

Á busca do tempo perdido. Pola banda de Swann

Moita fama ten, e non se pode negar que o intentei, pero sucumbo. Esta é a primeira das sete partes da magna novela de Marcel Proust, pero eu xa teño dabondo. Recoñezo que escribe moi ben, con longuísimas e elaboradas frases e parágrafos que duran varias páxinas enteiras, pero as historias que conta non me interesan en absoluto. Así que, feito o experimento, e comprobado o resultado, pecho esta experiencia.

Por explicalo brevemente (supoñendo que o resto da súa obra sexa similar, que creo que si), na obra de Proust basicamente non pasa nada ou case nada. Simplemente fai unha exploración moi pesada e concienzuda da súa memoria, dos seus recordos, sobre todo da infancia, e das sensacións que tiña en cada momento que lembra. E fai múltiples elucubracións sobre frases, pequenos sucesos, sensacións, etcétera.

Por poñer un exemplo, na primeira parte pasa non sei cantas páxinas especulando sobre o que significaba, cando era pequeno, poder despedirse pola noite da súa nai dándolle un bico de boas noites. Se llo pedía, se non llo daba, porque consideraba que era moi frouxo, fráxil e sensible, e debería fortalecerse. Os obstáculos que poderían provocar que esta noite xustamente, que el o necesitaba moito, non lle deran ese bico. E todo así, durante case 500 páxinas (este volume, que só ten a primeira das sete partes).

Esta primeira partes está, ao seu tempo, dividida noutras tres:
- Combray: unha vila no campo onde parece que ían veranear, onde vivía algunha tía e avoas (coas que compartía o sabor das madalenas, xa escoitaríades falar da historia, que a min pareceume bastante ridícula), os paseos que ían dar, e todo iso. Ao final desta parte está a famosa anécdota da madalena.
- Un amor de Swann: Swann é un amigo da familia, pero durante algún tempo parece que deixa de quedar con eles, nunha época e país que semella bastante "snob" e onde as convencións sociais para o contacto social agora semellan antediluvianas. Pois esta parte fala dunha época anterior na que o tal Swann estivo saíndo cunha muller chamada Odette de Crécy, que semellaba moi atractiva, pero que no seu pasado tivera unha moral ben relaxada, e iso é unha pesada mochila para unha sociedade tan clasista como esa. Swann semella ser, ademais, un tipo moi celoso, o que lle faltaba. Todo sucede en París.
- Nomes de terras: Esta tamén sucede en París, e o principal é que o narrador semella namorado de Gilberte, a filla de Swann, que xa se menciona na primeira parte coma un ser anxelical.

Pois nada. Ata aquí. Eu paso. Xa puxen da miña parte pero Proust, para min, acabouse.

Saúdos.



Encontros na terceira fase

Eu xuraría que esta película xa a vin completa máis veces, pero non atopei ningunha referencia a ela neste blog, que xa leva aberto dezaseis anos. Se cadra vina antes diso, pero non tiña eu esa sensación. En calquera caso, é unha película na que pasan cousas e resulta agradable de ver.

Foi dirixida en 1977 por Steven Spielberg (era unha historia á que levaba tempo dándolle unha volta) e os principais papeis foron para Richard Dreyfuss, Melinda Dillon, François Truffaut, Teri Garr, Bob Balaban e Cary Guffey. Aínda que eu penso que claramente é Richard Dreyfuss en quen máis se centra a historia. E teño que recoñecer que nesta ocasión o seu personaxe pareceume máis histérico e desequilibrado que noutras ocasións. Menos mal que ao final marcha na nave....

Supoño que xa coñecedes a historia, aínda que a contan dun xeito tremendamente atractivo, que fai que non deixes de mirar. Non hai ningún secreto dende o comezo, a historia trata de contactos con alieníxenas, e a diferenza do habitual, estes veñen con boas intencións e déixanse ver sen demasiados problemas.

En diferentes partes do planeta comezan a suceder cousas bastante estrañas. Un grupo de científicos que se interesan polo contacto cos alieníxenas atopa nun deserto de México uns avións americanos que desapareceron na II Guerra Mundial, e están intactos e funcionan. E o mesmo sucede cun cargueiro, que desapareceu no Triángulo das Bermudas, aparece no medio do deserto do Gobi, en Mongolia.

Tamén suceden outras cousas estrañas pero non tan espectaculares en diferentes partes dos Estados Unidos. Prodúcense apagóns moi incomprensibles e vense luces nos ceos facilmente identificables como de naves espaciais non orixinarias deste planeta.

Por todas esas razóns, un grupo de cidadáns estadounidenses vense animados a viaxar á Montaña do Demo, no estado de Wyoming, que foi o primeiro parque natural dos Estados Unidos. Non saben exactamente por que, pero hai algo que os leva cara alí. E mira ti por onde, casualmente os científicos que están intentando contactar coas naves alieníxenas, tamén o conseguen, e quedan precisamente en verse nese lugar.

E alí ten o pacífico encontro, intentando compenetrar vontades por medio dunha serie de notas musicais. Finalmente chega unha grande nave, e dela báixanse todos os militares e cidadáns que se deran por desaparecidos hai décadas. E do mesmo xeito, un grupo de persoas, incluído Roy Neary (Richard Dreyfuss), súbense á nave. Nese intre remata a película, pero xa é boa milagre que nunha película estadounidense deste temática non se dispare nin un só disparo (creo).

Saúdos.



Scarface (O prezo do poder)

No verán vin a famosa película "O aviador" sobre a vida de Howard Hughes, tremendo personaxe. Como ademais de aviador tamén foi ci...