sábado, 25 de febreiro de 2023

Carros de lume

Hai xa unhas cantas semanas, no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, botaron a película "Carros de lume" (en Hispanoamérica traducido como "carrozas", e é certo que a tradución máis fiel podería ser "carrozas"). Lembro que a vira co meu irmán no seu momento e que nos gustara moito (levou o Óscar a mellor película daquel ano, así que debeu pasarlle a moita xente). O que máis me flipou neste segundo visionado, 40 anos despois, é que o nome dun dos personaxes principais aínda o lembraba perfectamente. Creo que está baseada en personaxes reais, pero diso falarei máis abaixo.

A película foi dirixida por Hugh Hudson no ano 1981. E o produtor foi David Puttnam, que naqueles anos tivo uns cantos éxitos nese labor, como "A misión" ou "Os berros do silencio". Os dous papeis principais son para os dous atletas británicos que teñen máis presenza na historia: Harold Abrahams (interpretado por Ben Cross) e Eric Liddell (interpretado por Ian Charleson). Nos dous casos seguramente foi o papel da súa vida, cando eran aínda bastante novos. Despois hai moitos secundarios ilustres, como Ian Holm, John Gielgud, Lindsay Anderson, Nigel Havers, Patrick Magee ou Brad Davis (facendo dun dos atletas estadounidenses). É unha película netamente británica, pero diso tamén falarei despois.

A película non ten moita ciencia, pero resulta bastante épica, sobre todo coa magnífica banda sonora de Vangelis (por certo, faleceu hai pouco, igual que Hugh Hudson, o director da película). Basicamente consiste na preparación dos velocistas británicos para os Xogos Olímpicos de París 1924, onde ían ter como rivais sobre todo aos mellores velocistas estadounidenses. Abrahams é de orixe xudea e cústalle moito introducirse na élite da sociedade británica e só o consegueu a través dos seus éxitos deportivos (que tampouco foron demasiados porque tivo que retirarse axiña por unha lesión nun pé). Liddell era de familia escocesa pero os seus pais eran misioneiros evanxélicos na China, igual que despois o foi el, e el naceu xa na China. Pero representou ao Reino Unido naqueles Xogos Olímpicos. Tamén era un talentoso xogador de rugbi, moi querido por todos.

A principal "intriga" da película xorde cando Liddell é informado, poucos días antes da proba, de que as eliminatorias de 100 metros lisos, especialidade na que destacaba, van ser en domingo. O seu "fanatismo" relixioso impídelle correr nese día da semana, e decide desistir. Hai unha crise institucional no Comité Olímpico, e incluso participa como mediador o Príncipe de Gales, que asiste aos Xogos, e consegue convencer a Liddell para que represente ao seu país en 200 e 400 metros lisos, aínda que nesas probas non destacaba tanto. Abrahams acaba gañando a proba de 100 metros e Liddell sorpresivamente a de 400, co seu estraño de estilo de cabeza botada para atrás (pouco aerodinámico, na miña humilde opinión). Por comentar algo máis de Abrahams, hai algo de polémica porque tiña un adestrador profesional (o que estaba mal visto ou incluso prohibido na Universidade de Cambridge, que é onde adestraban) que era moi esixente.

Vou rematar coa miña valoración da película, que dá bastante de si. Cando vin a película no seu momento eu tiña uns 10 anos e debía ser facilmente impresionable. Pero agora xa entendo mellor algunhas cousas e hai algunhas que me "chirrían" bastante nesta película. Dicía antes que era netamente BRITÁNICA, e seguramente pode notarse en que o Reino Unido nunca foi unha potencia en velocistas. Se cadra quixeron sacar músculo neses Xogos Olímpicos en que sacaron uns grandes resultados. Os estadounidenses si son fortes en velocistas, pero negros, porén as dúas figuras que aparecen (unha delas interpretada por Brad Davis) son brancas. De feito, nas probas de velocidade que se amosan na película case non sae ningún velocista negro. É probable que naquel momento histórico fora así na realidade, non o discuto, pero soa algo raro, dende logo. Acabo de mirar na Wikipedia e parece que a realidade era así, case non había atletas nin países con poboación negra, e apenas había mulleres tampouco.

E o outro detalle que non me gustou vai na mesma liña. Vense atletas, figuras, e bandeiras no desfile inaugural principalmente dos países anglófonos, e pode que tamén de Francia, basicamente porque os Xogos eran en París. Creo que só vin un breve plano no que se veían, ao remate do desfile inaugural, as bandeiras de varios países fóra desa órbita, creo que Xapón e algún máis. Descoñezo por completo como eran aqueles Xogos Olímpicos daquela primeira era (comezaron en Atenas en 1896). Acabo de mirar na Wikipedia e participaron delegacións de case 50 países, pero na película non aparecían por ningures.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...