domingo, 8 de xaneiro de 2023

Encontros na terceira fase

Eu xuraría que esta película xa a vin completa máis veces, pero non atopei ningunha referencia a ela neste blog, que xa leva aberto dezaseis anos. Se cadra vina antes diso, pero non tiña eu esa sensación. En calquera caso, é unha película na que pasan cousas e resulta agradable de ver.

Foi dirixida en 1977 por Steven Spielberg (era unha historia á que levaba tempo dándolle unha volta) e os principais papeis foron para Richard Dreyfuss, Melinda Dillon, François Truffaut, Teri Garr, Bob Balaban e Cary Guffey. Aínda que eu penso que claramente é Richard Dreyfuss en quen máis se centra a historia. E teño que recoñecer que nesta ocasión o seu personaxe pareceume máis histérico e desequilibrado que noutras ocasións. Menos mal que ao final marcha na nave....

Supoño que xa coñecedes a historia, aínda que a contan dun xeito tremendamente atractivo, que fai que non deixes de mirar. Non hai ningún secreto dende o comezo, a historia trata de contactos con alieníxenas, e a diferenza do habitual, estes veñen con boas intencións e déixanse ver sen demasiados problemas.

En diferentes partes do planeta comezan a suceder cousas bastante estrañas. Un grupo de científicos que se interesan polo contacto cos alieníxenas atopa nun deserto de México uns avións americanos que desapareceron na II Guerra Mundial, e están intactos e funcionan. E o mesmo sucede cun cargueiro, que desapareceu no Triángulo das Bermudas, aparece no medio do deserto do Gobi, en Mongolia.

Tamén suceden outras cousas estrañas pero non tan espectaculares en diferentes partes dos Estados Unidos. Prodúcense apagóns moi incomprensibles e vense luces nos ceos facilmente identificables como de naves espaciais non orixinarias deste planeta.

Por todas esas razóns, un grupo de cidadáns estadounidenses vense animados a viaxar á Montaña do Demo, no estado de Wyoming, que foi o primeiro parque natural dos Estados Unidos. Non saben exactamente por que, pero hai algo que os leva cara alí. E mira ti por onde, casualmente os científicos que están intentando contactar coas naves alieníxenas, tamén o conseguen, e quedan precisamente en verse nese lugar.

E alí ten o pacífico encontro, intentando compenetrar vontades por medio dunha serie de notas musicais. Finalmente chega unha grande nave, e dela báixanse todos os militares e cidadáns que se deran por desaparecidos hai décadas. E do mesmo xeito, un grupo de persoas, incluído Roy Neary (Richard Dreyfuss), súbense á nave. Nese intre remata a película, pero xa é boa milagre que nunha película estadounidense deste temática non se dispare nin un só disparo (creo).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...