sábado, 11 de febreiro de 2023

A biblioteca dos libros rexeitados

Non é moi habitual que vexa eu cine europeo actual, e moito menos francés. Se cadra pesa demasiado sobre min o prexuízo de que é cine algo gris, triste, lento, con historias sobre xente normal no momento actual, combinación que non me motiva nadiña. Pero de cando en vez hai que picar, e efectivamente a industria cinematográfica francesa é ben potente. Así que vin que botaban na 2 este título tan atractivo, vin un pequeno anuncio, e decidín probar, e non estivo nada mal a cousa.

A película foi dirixida en 2018 por Remi Bezançon, e a historia está baseada nunha novela de David Foenkinos, nome que me soa moito pero do que non lin nada ata agora. Os protagonistas principais son Fabrice Luchini, Camille Cottin (sae nun anuncio con George Clooney, así que xa debe ser moi coñecida fóra de Francia) e Alice Isaaz.

A historia é ben interesante. Unha editora novata entérase de casualidade que nun pobo de Bretaña un bibliotecario decidiu crear unha curiosa Biblioteca dos Libros rexeitados, formada por novelas que as grandes editoriais francesas decidiron non publicar. Un día vai por alí de visita e escolle, ao chou, un dos manuscritos. Queda prendada del, fai todo o posible para que se publique na editorial na que traballa e convértese nun best-seller. Para sorpresa de todos, o autor parece ser un pizzeiro do pobo ao que non se coñecían en absoluto ese tipo de tendencias, incluso a súa muller di que nunca o viu lendo un libro.

Un crítico literario que ten un programa de máxima audiencia na televisión, no día no que vai entrevistar á editora e á esposa do autor, di desconfiar completamente da autoría do libro e di que fará todo o posible por descubrir quen é. Ao facelo en directo, é despedido automaticamente.

A partir dese momento comeza a busca do crítico e as viaxes a Bretaña para intentar saber que foi o que puido pasar. E como a película é bastante recente, ten unha trama relativamente complicadada cuns cantos xiros inesperados. O crítico conta coa alianza, ao comezo totalmente escéptica con el, da filla do pizzeiro, que tampouco as ten todas consigo.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...