domingo, 28 de novembro de 2021

Xente de mala morte

Acabo de ler o volume número 85 da Colección 120 da Voz de Galicia. Seguimos avanzando cara ao final. Titúlase "Xente de mala morte" de Alfonso Álvarez Cáccamo, autor do que lin varias obras nos últimos anos. Estaba reflexionando agora cal podería ser a razón do título, e semella que en todos os relatos do mesmo acaba morrendo alguén de forma algo tráxica, aínda que nalgún deles non me quedou moi claro se morrían ou non.

Porque é un libro de relatos. Oito relatos breves que se len axiña. O pouco que sei deste autor, e que corroborara nas obras del que lin nos últimos tempos, e que lle gusta poñer nomes estraños aos personaxes e que lle gusta facer xogos de palabras moi divertidos, pero nesta obra non destaca demasiado por iso. O único alarde nese aspecto é o título de dous dos relatos, que son QEPD e RIP, siglas moi relacionadas coa morte. Pois debedes saber que son as siglas de Quintiliana Emilia Pérez Domínguez e Ricardo Iglesias Pumarín. Xa vos dixen que lle gustan os xogos de palabras.

Pois si, en todos os capítulos morre alguén: provocando estúpidos incendios, unha muller que se tira por unha fiestra, un tipo fanático das motos que creía que a súa estaba estropeada, unha muller incitada por unha asociación que animaba e asesoraba para suicidarse, un restaurador de arte que se mata por non poder restaurar o seu último cadro (aparentemente, aínda que realmente non é así), unha señora moi faladora e atractiva que provoca o suicidio dun vello que namora dela, unha nena que se suicidou despois de saberse que o seu padrastro abusara dela, e un homosexual que se creía un centauro que morreu atropelado por un Cadillac.

Hai que recoñecer que algúns personaxes e os remates dalgunhas historias son curiosos, pero tampouco me chamou demasiado a atención este libro.

Saudos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...