sábado, 4 de decembro de 2021

María Solinha

Ignacio Vilar é un director de cine galego do que aprezo boa parte da súa obra e, sobre todo, da súa valentía na promoción das súas películas, sempre innovando nese eido. Nos últimos anos, asinou películas penso que moi dignas de ver como "Pradolongo", "Vilamor" e "A Esmorga". "Sicixia" xa me resultou bastante máis difícil de dixerir. Acababa de rodar esta "María Solinha", e cando ía presentala en salas, apareceu a pandemia. E poucos meses despois, no verán, estaba proxectándoa en auto-cines, unha técnica que, ou non se utilizara nunca en Galicia, ou había décadas que ninguén intentaba.

Pero non me gustou demasiado esta "María Solinha". Non sei se era unha visión moi contemporánea, moi arriscada, ou que foi, pero non me enganchou. E mira que me gusta a historia, ambientada na ría de Vigo a comezos do século XVII. Está claro que unha novela non é o mesmo ca unha película, pero a novela "A voz do vento" de Pemón Bouzas, que lin hai uns anos, pareceume excelsa. Esta versión cinematográfica, se cadra, podería ter intentando parecerse a unha recreación clásica da historia, porque semella que vestiario si tiñan, pero apenas aparece, e está case todo ambientado na actualidade. Eu, que me sinto moi romántico do século XIX, ou sexa, que me atraen todas as historias que suceden en tempos e lugares diferentes ao meu, síntome decepcionado cando me contan unha historia do século XVII ambientada no XXI. Éche o que hai.

Segundo as reseñas que vexo en Internet, un director intenta montar unha obra de teatro en Cangas que conte a historia de María Solinha. Despois de ver a película, non teño claro quen é ese director. Vin a unha actriz que facía o papel de directora (creo que interpretada por Sheila Fariña), que estaba acompañada continuamente dun tipo de barba que non dicía nin unha palabra, e comunicábanse entre eles en inglés. Supoño que o tipo ese sería o director ao que se refiren as reseñas, porque outro non vin.

A película céntrase nas dúas rapazas que representan os dous papeis máis importantes. Chámanse Navia e Elba na realidade actual (protagonizadas por Grial Montes e Laura Míguez) e na obra representan a María Solinha e Adela Malvido. As dúas, pero sobre todo a segunda, que son moi amigas, son acusadas de bruxería polos representantes da Inqusición, que están apoiados por caciques locais que queren aproveitar iso para facerse con todas as súas propiedades. E todo iso coincide cun ataque de piratas turcos na Cangas de comezos do século XVII. A película tamén está ambientada en Redondela e un pouquiño na Illa de San Simón. Polo que parece, esas dúas rapazas (as actuais) están tan metidas no seu papel, que está comezando a afectarlles na súa vida persoal, e as súas familias e parellas están preocupadas.

O elenco ten ao máis granado da profesión actoral galega, con veteráns como Santi Prego, Antonio Durán "Morris", Mabel Rivera, Mela Casal ou Alfonso Agra, con novas fornadas saídas da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) de Vigo como Laura Míguez, Grial Montes, Fran Lareu, Fernando González ou Melania Cruz.

Pero xa digo, polo seu plantexamento pretende estar en dúas épocas, e a min a impresión que me deixou é que non conseguía estar plenamente en ningunha delas. Obviamente, ese é un dos posibles riscos dun exercicio tan vangardista.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...