domingo, 28 de novembro de 2021

Star Trek Némesis

Estoume afacendo a ver películas da saga "Star Trek". Non é que me apaixoen, pero entreteñen, e aos poucos xa vou pillando de que vai a cousa. Ultimamente deume por entender que hai tres grandes épocas nesta saga: a primeira protagonizada por William Shatner como o capitán Kirk, a segunda protagonizada por Patrick Stewart como o capitán Picard, e as dos últimos dez anos, das que xa comentei algunha aquí nos últimos tempos, que xa non lembro como se chama o capitán. Esta da que vou falar hoxe, polo visto, foi a última da segunda parte, e tardaron sete anos en comezar coa seguinte xeración de actores.

"Star Trek Némesis" foi dirixida en 2002 por Stuart Baird. O elenco está protagonizado por Patrick Stewart, Jonathan Frakes, Brent Spiner e Tom Hardy (acabo de enterarme que el facía o papel de malo da película, soábame a cara pero non era capaz de identificalo). Obviamente, hai moitos máis secundarios, pero non vale a pena meterse en tanto xardín.

Némesis vén sendo un sinónimo de Inimigo. Nesta película iso transfórmase en clons. Aparecen dous clons de dous dos personaxes principais, en diferentes lugares e circunstancias, que poden interpretarse de diferentes formas. Aparece un clon do capitán Jean Luc Picard na forma do Pretor Shinzon, da etnia dos Romulanos. Realmente non é un clon como tal, senón que é máis xoven, pero supostamente é igual que era Picard cando era novo. Por outra banda, nun afastado planeta, aparece un clon de Data, o androide que vai na nave Enterprise. Chámanlle B4 e parece similar a Data, pero en diferentes momentos vese que as súas cualidades son peores que as de Data, polo menos de momento. Supostamente a moralexa da película vén sendo que o entorno, as circunstancias e as experiencias fan diferentes ás persoas, aínda que de partida foran aparentemente iguais.

Obviamente, a trama principal da película vén da relación entre Picard e Shinzon, a outra historia é secuendaria. Shinzon criouse en Remo, o planeta irmán de Rómulo, e foi escravizado nunha mina dende neno polos romulanos, pero foi medrando, deu un golpe de estado e agora manda sobre os dous planetas. Intenta atraer á nave Enterprise, da Federación, e pide negociar con Picard. Ao comezo non se entende por que os reclaman a eles, pero axiña se entende cando Picard se recoñece na súa xuventude cando ve a Shinzon.

Pois nada, pasan as cousas típicas desta serie co despregue tecnolóxico típico das súas naves e dos seus avances. Os romulanos intentan traizoar á Enterprise e destruila coa radiación Thalaron, porque os romulanos foron capaces de construír unha potentísima nave, chamada Scimitar, que é capaz de volverse invisible e indetectable. Pero como sempre, ganan os bos, aínda que esta vez con algunha perda importante en medios e persoas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...