domingo, 28 de novembro de 2021

A hard day's night

Creo que xa teño comentado aquí algunha vez que son cliente de R, pero non teño contratado ningún combo de televisión, así que debo recibir máis ou menos o mesmo que se capta na TDT, que actualmente anda por uns 35-40 canais. Pero R ten cada mes un canal diferente en promoción. Neste mes de novembro teñen Sundance TV, que teoricamente podía ofrecer produtos dunha certa calidade. Pero o certo é que non vin nada especialmente atractivo. Pero o outro día vin que botaban unha das películas que rodaron os Beatles cando estaban no cumio do seu éxito, e decidín vela, aínda que non tiña moitas expectativas.

"A hard day's night" foi dirixida en 1964 por Richard Lester. O elenco está formado, como non podía ser doutro xeito, polos catro músicos e por un conxunto de secundarios que dá lugar a unha historia bastante patética, a verdade. A tradución do título para os países hispanofalantes tamén daría para un libro. En España foi "Que noche la de aquel día". En bastantes países fixeron variacións a partir da idea "A noite dun día difícil" ou algo así. Pero en catro países decidiron innovar e saíronse cun delirante "Yeah, yeah, yeah, Paul, John, George y Ringo".

Pois o que dicía, a historia é bastante patética, e acabei de vela porque non era moi longa e porque as cancións están moi ben, e soan de cando en vez, obviamente. Se non lembro mal, o fenómeno Beatle comezou en 1962, así que aínda estaba fresquiño, e as fans precisaban produtos infumables coma estes. Chámame a atención que a puntuación da película aínda é bastante alta nalgunhas plataformas de cine en Internet e que algún medio "prestixioso" considera ou considerou este "truño" unhas das 100 mellores películas da historia. Alucinante.

Pois nada. A vida destes rapaces é terrible, trens, coches, avións, concertos sen parar. Van de Liverpool a Londres para gravar nun famoso programa. Acompáñaos o manager e algúns axudantes máis, e un suposto avó de Paul que está chalado e que está meténdose en líos continuamente. O que máis me chamou a atención é que Ringo ten algo máis de protagonismo que os outros tres músicos, cando na música e no mundo real non parecía ser así. Que se tiña o nariz grande, que se era un pouco raro, que se sae a dar un paseo e o perden de vista... Foi un experimento, e xa o vin intuíndo que podía pasar algo así. Se me cruzo con algunha das outras películas dos Beatles non sei que farei, pero boa pinta non teñen.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...