domingo, 28 de novembro de 2021

A novena porta

Esta era unha película que tiña ganas de ver completa. Hai pouco tempo vira fragmentos longos pero perdérame toda a parte central, e prefería completala. Xa sei que estas historias esotéricas sobre libros secretos, culto ao demo e trangalladas parecidas non ten ningún sentido, pero dan lugar a historias entretidas, que non é pouco.

"A novena porta" foi dirixida en 1999 por Roman Polanski. O elenco está formado, entre outros, por Johnny Depp, Frank Langella, Lena Olin, Emmanuelle Seigner, Barbara Jefford e Jack Taylor. Polo visto está baseada na novela "O Club Dumas" de Arturo Pérez Reverte, que eu lin hai xa décadas, pero non lembraba nada dela. Pero efectivamente, ese tipo de tramas sempre me resultan atractivas. Por certo, en Hispanoamérica decidiron titulala "A última porta". É tan certo o título como o outro, pero o número nove ten importancia nesta historia.

Movémonos no mundo do coleccionismo de libros antigos e raros. E por se non chegara con iso, con libros "malditos" que falan do culto ao demo. Así que imaxinade o panorama. Os protagonistas principais son Dean Corso, detective que busca e localiza eses libros raros, e catro personaxes ou familias que teñen ou pretenden ter o exemplar ou exemplares verdadeiros dun libro titulado "As nove portas do Reino das Sombras", que foi editado en Venecia no século XVII por un tal Aristide Torchia. Hai tamén algún outro personaxe que xira ao redor destes. Supostamente, quen o consiga, conseguirá a comunión co Demo, suceso que parece moi interesante para algunha xente.

Dean Corso ten noticia do interese de Boris Balkan neste libro, cando este lle di que lle acaba de mercar o seu exemplar a Andrew Telfer, xusto o día antes do seu suicidio. Polo que parece, a que estaba realmente interesada no libro era a súa muller, Liana Telfer. Boris Balkan dille a Corso que ten que comprobar se o seu exemplar é o verdadeiro, comparándoo cos outros dous que existen, que están en Sintra (Portugal) e en París. Ademais, tamén estaría ben que pasara por Toledo, que foi onde os Telfer mercaron o seu exemplar, porque os libreiros que llo venderon deben saber bastante do tema.

Efectivamente, os libreiros de Toledo dinlle como saber se o libro é verdadeiro ou non. Dinlle que dos nove gravados que ten a obra, todos deberían estar asinados por Aristide Torchia (AT) pero hai algúns deles que están asinados por Lucifer (LCF). El vai a Portugal e a París e, con máis ou menos facilidade, consegue comparar os tres exemplares, pero os seus propietarios sempre acaban morrendo. Descubre que ningún dos tres exemplares é o perfecto, cada un deles ten tres gravados asinados por LCF, que se diferencian lixeiramente dos de AT.

Ao final, a muller de Telfer consegue xuntar os nove gravados luciferinos, pero quítallos Balkan, que vai a un castelo de Francia onde supostamente debe ter lugar o ritual de encontro co maligno. Pero algo sae mal, e o ritual acaba simplemente nun incendio no que morre Balkan. Unha estraña muller, protagonizada por Emmanuelle Seigner (esposa de Roman Polanski xa naquela época), revélalle que o ritual saíu mal porque o noveno gravado non era o verdadeiro, e dille que en Toledo si que teñen o correcto. Vai ata a librería de Toledo, que está sendo baleirada, e de casualidade, consegue ese noveno gravado, e volve ao castelo francés.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...