domingo, 28 de novembro de 2021

A muller panteira

Como dicíamos, segue o ciclo de clásicos en branco e negro do venres pola noite na fascistoide Trece, dirixido por Garci e botando máis ou menos as mesmas películas que botou hai anos nas 2, cos seus célebres coloquios.

"A muller panteira" foi dirixida en 1942 por Jacques Tourneur na mítica produtora RKO. Chámame a atención que, sendo unha película razonablemente famosa, ningún dos seus actores principais me soa de nada: Simone Simon, Kent Smith, Tom Conway e Jane Randolph. Acabo de saber que 40 anos máis tarde fíxose unha nova versión con música de David Bowie e Giorgio Moroder.

Tamén o título daría para falar un pedaciño. O título orixinal é "Cat People", que podería traducirse como persoas-gato. É moi interesante a idea porque a historia básase nunha antiga lenda serbia que fala sobre ese tipo de personaxe, non concreta se homes ou mulleres, senón persoas que poden transformarse en felinos en determinadas ocasións. Es España titulouse "A muller panteira", que pode ter certo sentido vista a película, e en Arxentina "A marca da panteira", que pode ter sentido, pero algo menos.

Irena é unha muller serbia que acaba de chegar a Nova Iork, non coñece case a ninguén, e traballa como debuxante para unha marca de modas. Casualmente coñece a Oliver cando está visitando o zoo e intentando debuxar á panteira que está alí engaiolada. Coñécense e axiña namoran. A cousa avanza e rematan casando axiña, pero hai unha barreira, e é que ela ten medo a bicar ao seu marido, porque unha antiga lenda da súa terra di que existen unhas persoas-gato que cando bican á persoa amada, convértense en felinos e matan á outra persoa. Ela non sabe por que, pero sospeita que pode ter esa maldición.

Obviamente, iso provoca un certo afastamento no matrimonio e o marido comeza a achegarse a Alice, unha compañeira de traballo que está namorada del, e el tamén se sente atraído por ela. Con toda a boa fe, o marido dille que debe visitar a un psiquiatra, e Irena admíteo de bo grao. Pero o psiquiatra tamén está namorado de Irena e ten moito interese en bicala, para comprobar se a lenda que ela lle conta é certa ou non, porque lle parece fascinante. Se a estes catro personaxes lle engadimos á panteira do zoo, que na escea final ten bastante protagonismo, dá unha historia chula e intrigante.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...