domingo, 2 de abril de 2023

Os nenos do Brasil

Oíra falar desta película hai tempo, e soábame que estaba baseada nunha novela tamén exitosa. O que xa non está tan claro é se está inspirado nalgo real, non o semella. Simplemente parece unha idea brillante dun retorcido escritor ou guionista.

Foi dirixida en 1978 por Franklin Schaffner e os principais papeis foron protagonizados por Gregory Peck, Laurence Olivier, James Mason, Lilli Palmer, Uta Hagen, Steve Guttenberg (que raro velo facendo un papel "serio" fóra da "Loca Academia de Policía") e Denholm Elliott. Por certo, parece que o papel do cazador de nazis representado por Laurence Olivier estaba baseado en Simon Wiesentahl.

Un rapaz estadounidense que quere axudar a cazar nazis atópase en Paraguai perseguindo a algúns deles e nota importantes movementos. Consegue infiltrar un micrófono nunha mansión dun deles onde parece que vai producirse unha importante reunión e, efectivamente, alí aparece Josef Mengele, que lles presenta un estraño plan para matar a un grupo de persoas non xudeas. A maioría dos que asisten á reunión non parecen entender a motivación do plan, pero como son nazis fieis, seguen as ordes do seu líder.

Pero por unha casualidade, alguén da mansión descubre que hai un micro oculto, rexistran a casa, averiguan quen foi a persoa que meteu o micro, e esa persoa (un neno autóctono) lévalles ao hotel no que se atopa o investigador cazanazis. Nese mesmo momento, está falando por teléfono con Ezra Liebermanh, o máis coñecido cazador de nazis do mundo, que vive en Viena. Os nazis cazan ao rapaz e mátano cando está falando por teléfono con Viena. Ezra non lle facía demasiado caso ao que dicía este rapaz, pero a partires deste momento si sospeita que debe haber algo gordo preparándose.

O plan consiste en matar a 94 homes, todos de 65 anos de idade, normalmente grises funcionarios, que viven en diferentes lugares do mundo, e ningún deles é xudeu. Inicialmente, todo pode parecer unha tolería, pero non é así. Resulta que uns 11 anos antes, unhas mulleres foron fertilizadas con células procedentes do sangue e da pel de Adolf Hitler, esas operacións foron levadas a cabo por Mengele.

94 nenos nados nesas circunstancias foron entregados en adopción a 94 familias cunhas características moi determinadas. E neste momento, cando os nenos teñen xa 11 anos, o pai ten 65 anos e a nai uns 45, e van matar aos pais, porque ese foi o entorno familiar no que se criou Adolf Hitler. O seu pai era funcionario de aduanas e morreu xusto á esa idade.

Liebermanh decátase de que sucede algo así cando vai visitar a varias das familias desas características das que lle chegou noticia da morte do pai en estrañas circunstancias, e comproba en primeira persoa que só teñen un fillo, que todos teñen a mesma idade, e que son todos idénticos entre sí.

Finalmente, algúns dos nazis cren que o megalómano proxecto de Mengele é moi perigoso para o nazismo e irrealizable, retíranlle os fondos e queiman as súas instalacións. Pero el reacciona indo en persoa a Pennsilvania para visitar á seguinte víctima, e consegue matala el mesmo. Pero ademais foi alí porque foi capaz de saber que Liebermanh ía ir o mesmo día, así que xa pretende tamén acabar con el. Pero a Mengele esta xogada tampouco lle sae ben porque un dos seus nenos clónicos non pensa da mesma forma.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...