domingo, 2 de abril de 2023

Megalodón

Si, si, aquí adoitamos falar de películas de máis calidade, pero últimamente vexo que botan na televisión bastantes películas de criaturas mariñas voraces (na Sexta están bastante especializados no xénero nas fins de semana), e tiña certa curiosidade morbosa por ver como era unha destas. Tamén ten de curiosa que é unha produción estadounidense e chinesa, ambientada na costa chinesa, e as últimas escenas son na praia máis popular do sur da China, así que parece plenamente o mundo occidental.

Foi dirixida en 2018 por Jon Turtletaub. Pola parte occidental a estrela absoluta é Jason Statham e pola chinesa a actriz Li Bingbing, dos que se insinúa ao final da película que os seus personaxes podían comezar unha relación (mira ti que gran alianza xeoestratéxica). O resto de secundarios, polo menos a min, non me soaba de nada, agás un que aparece na serie "Hawai 5.0", pero tampouco aparece demasiado na película, así que tampouco me preocuparía demasiado.

Cando o mazas da película está facendo un rescate a moita profundidade da tripulación dun submariño nuclear, teñen que escapar antes do previsto porque parecen estar sendo golpeados por unha criatura dun tamaño descomunal. Debido a iso, abandonan a oito compañeiros, que morren cando o submariño estoupa, uns segundos máis tarde. El deféndese dicindo que ese sería o final de todos se non chega a tomar esa decisión, pero o médico que fai a avaliación, que foi precisamente unha das persoas rescatadas, di que esa criatura non existía e que a decisión errónea foi tomada debido ás consecuencias de estar baixo presión da auga a altas profundidades.

Uns anos máis tarde, unha empresa está facendo unha investigación na fosa das Marianas, e descubren que aínda hai algo máis de profundidade da que creían. Conseguen baixar algo máis pero topan, de novo, coa fabulosa criatura, que acaba sendo un megalodón, un tiburón xigante prehistórico que todo o mundo cría xa extinguido. Hai un accidente e o pequeno módulo que baixou ata alí non pode subir. Casualmente quen pilotaba ese módulo é a ex-muller do mazas da película, que xa estaba retirado e case alcoholizado, pero convénceno para que baixe a botar unha man.

Como era previsible, baixa e consegue rescatalos a todos (menos a un, xustamente o secundario que me soaba de algo). Pero máis ou menos no momento no que sucede iso, o megalodón consegue superar esa barreira formada por auga xeada, da que nunca saíra, e sube cara á superficie. Así que agora o problema xa a teñen nas augas do Mar da China e en torno á plataforma de empresa.

Agora que o megalodón está accesible, propóñense localizalo e inxectarlle unha droga para matalo. Con máis ou menos dificultades, conségueno. E cando están posando con el no barco e sacándose fotos, o mazas nota algo raro porque lle parece que o diámetro da dentadura non é o mesmo que o que deixou nas pasarelas de cristal da plataforma da empresa, cando estivo de visita por alí. E xusto nese intre un segundo megalodón máis grande que o anterior devora ao primeiro e volca o barco.

Conseguen salvarse de milagre, a cambio de sacrificar algunha das vidas da tripulación, e volven de novo á plataforma. O propietario di que xa teñen que esquecerse do tema, porque xa informaron aos gobernos da zona, e que xa se encargan eles. Pero realmente é falso, el ten un plan para matalo el mesmo cos seus medios para levarse a posible gloria, pero tristemente erra e é unha víctima máis.

Para rematar, o megalodón achégase á praia de Sanya, a cidade máis sureña e tropical da China, onde hai moitas persoas orientais facendo o mesmo que os occidentais, no Caribe, Europa ou Estados Unidos. A quenlla zámpase a algúns dos incautos chineses pero, unha vez máis, o mazas estadounidense e a mazas chinesa conseguen ferir de morte ao megalodón. E nese intre, milleiros de quenllas convencionais, ante o sangue do seu curmán maior, acoden para devoralo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...