domingo, 2 de abril de 2023

O corpo aberto

Por fin conseguimos ver esta esperada película. Intentei vela nas vacacións de Nadal nun cine comercial da Coruña pero, inexplicablemente, sacárona polo medio da semana (ao mellor iso de cambiar a carteleira os venres xa non está vixente, vou tan pouco ao cine....). De feito, nin sequera están abertos xa os multicines dos Rosales onde pretendía vela en versión orixinal en galego. Algún tempo despois entrevistamos na radio a Ángeles Huerta, a súa directora, e entráronnos máis ganas. Hai unhas semanas botárona na Semana do Cine Galego no Teatro Colón, e aproveitamos.

Foi dirixida en 2022 por Ángeles Huerta. No elenco destacan Tamar Novas, Victória Guerra, María Vázquez e Federico Pérez. Está baseada no relato "Lobosandaus" que é o primeiro e máis longo do libro "Arraianos" de Xosé Luis Méndez Ferrín, que conta historias da raia entre Galicia e Portugal. 

Miguel, un profesor novo, chega a comezos do século XX a unha apartada aldea da raia chamada Lobosandaus, onde aínda ten moito peso a tradición e a superstición. Xa dende o comezo, fíxase nunha fermosa e enigmática muller portuguesa chamada Dorinda, que está casada cun contrabandista que cruza a raia con frecuencia chamado o Turelo. Outro personaxe similar, de orixe portuguesa e que comercia aos dous lados da raia é Mauro, o capador, que é moi popular na aldea. A irmá do Turelo é Obdulia, que está moi enferma e encamada nunha habitación apartada, e todos din que ten o "corpo aberto", ou sexa, que o seu corpo está predisposto á recibir a alma dalgún morto que non quere despedirse dos vivos.

Un día, Mauro aparece aforcado nunha árbore cerca da aldea e todos fican consternados. Apresan ao Turelo durante unhas horas, pero ninguén sabe exactamente por que. Como as autoridades teñen costume de facelo en circunstancias similares, pois repiten a acción, pero axiña o liberan. Pero nas seguintes horas, Obdulia ten unha melloría de saúde moi substancial e, de feito, a ven axudando con moita solvencia a capar un cocho, do cal todos deducen que no seu "corpo aberto" entrou o capador. Pouco máis tarde, descubren a Dorinda e Obdulia bicándose, e pouco despois, Obdulia aparece aforcada na mesma árbore na que apareceu o capador.

A estas alturas, Miguel xa está fóra de sí, a paixón que sente por Dorinda é moitísima e ademais ve estrañas actitudes entre os rapaces da súa escola, entre os cales un deles aparece morto en moi estrañas circunstancias (falarei diso no meu comentario final). Finalmente Miguel, aconsellándose co seu tío que o recomendou para o posto, decide marchar da aldea, e recibe estrañas noticias de que el mesmo morreu nos días anteriores. Curioso final.

Precisamente, fixen os deberes e lin o relato o día anterior, para telo fresco. A historia que contan na película é algo diferente da do relato. De feito, fun vela con varios colegas e, á saída, eles tiñan certas dúbidas por que non conseguiran entender algunhas das cousas que pasaban na película. Eu puiden aclararlles algunhas (porque lera o relato o día anterior, e alí todo estaba moito máis claro) pero outras eran propias da película, e alí tampouco estaban nada claras.

Cando se le un relato, unha novela ou unha película con algo de misterio, supoño que é natural intentar entender o que está sucedendo, non lle vexo nada malo a esa actitude. Penso que a película está moi ben de ambientación, pero xa non tan ben de ritmo. E parece que algunhas das cousas máis estrañas que suceden na película alí non quedan ben explicadas (no relato si o estaban), por iso eu podía explicarllas aos que só viron a película e non o relato.

Por exemplo, os que aparecen aforcados naquela árbore sempre son as persoas que intentaron amar a Dorinda, e normalmente sempre era o Turelo quen os aforcaba. O que contan no relato (e non na película) é que ao morrer Obdulia, a alma do capador tomou o corpo do Turelo, e este decidiu aforcarse na mesma árbore que os outros, para evitar que posuíse a Dorinda. E na última páxina do relato, Miguel di que decidiu mudarse ao cuarto da finada Obdulia, e que a partir dese momento comezou a sentir cousas moi raras no seu corpo (que raro!!) e que prefería irse da aldea, que aquelo non pintaba nada ben. Así que o final da película é moi diferente, e a min non me parece mellor, en absoluto.

Os colegas tamén me preguntaban polos rapaces, polas súas estrañas actitudes e pola morte dun deles en moi estrañas circunstancias (pero non aforcado, simplemente aparece morto cando crían que estaba durmindo xunto a unha árbore a carón da escola). Pero no relato non aparece nada diso, de feito apenas se fala de Miguel e a súa relación cos alumnos. Nun coloquio previo á proxección, a directora, a montadora e guionista e o produtor dixeron que unha das cousas que máis lles gustou foi seguir tirando de fíos que no relato non foran desenvoltos para chegar a facer unha longametraxe, xa que o relato era bastante curto e non daba para tanto. Paréceme ben, pero comparadas as dúas historias, non teño a impresión de que estiveran tan brillantes inventando novos personaxes e historias. Por certo, o neno que morreu era o que mellor se levaba co capador, digo eu que esa sería a razón da súa morte, pero xa é moito especular.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...