domingo, 2 de abril de 2023

O xinete pálido

Nas últimas décadas do século XX xa case non se rodaban películas do oeste estadounidense. Durante as décadas centrais do século houbo tal explotación do xénero, que a xente estaba xa algo farta do tema, e buscaba outras cousas. Pero Clint Eastwood, que fora estrela dalgunhas películas dese xénero (como a triloxía do dólar do spaghetti-western, rodadas principalmente nos desertos de Almería), quería buscar novos enfoques e historias. Primeiro rodou "O xinete pálido", da que imos falar agora, e pouco despois fixo "Sen perdón", da que falamos hai uns días. Por certo, ollo coa tradución. Parece que en todo o planeta traduciron o título correctamente agás en Alemaña onde puxeron "O xinete anónimo".

Foi dirixida en 1985 por Clint Eastwood, e os papeis principais foron para Clint Eastwood, Michael Moriarty, Carrie Snodgress, Richard Dysart, Chris Penn, Sydney Penny e John Russell.

Antes de comentar a historia direi que a película non me desagradou (creo que xa a vira hai moitos anos, algunhas cousas soábanme algo) pero é demasiado maniquea. É demasiado clásica no xénero no sentido de que os bos son moi bos, os malos son moi malos e os dous bandos son perfectamente identificables. Algun crítico di que o papel de Eastwood como O Predicador é moi ambiguo porque a veces representa o Ben e outras representa o Mal ou a mesma Morte, pero cando fai esto último é para enfrontarse aos malos malísimos, así que volve a ser o Ben. Non lle vexo eu tanta ambigüidade.

A historia é simple. Nun val mineiro de California hai uns tipiños intentando sacar algunha pepita de ouro dun regato, con bastante pouco éxito. Na "cidade" cercana (unha rúa ancha con 8-10 edificios a cada lado), os poucos que aínda se tratan con eles reclámanlles continuamente as débedas contraídas por ir mercar suministros á tenda sen ter cartos para pagar. Eles prometen que o farán cando saquen unha desas pepitas, pero xa non resulta crible.

Nesa cidade manda o cacique local, Coy Lahood, que é propietario dos outros vales e que xa utiliza medios de extración de mineral moi agresivos, mediantes chorros de auga contra as ladeiras. Quere mercar as terras desa pobre xente e quedarse con toda a zona, pero non o consegue.

Despois do último ataque disuasorio, aparece como da nada un "xinete pálido" e silencioso. Ninguén sabe quen é, pero dende o primeiro momento ponse do lado dos febles e dalles boas palizas aos matóns do cacique, e obviamente iso non lles fai ningunha grazas. Intenta vengarse del, pero aínda levan máis malleiras.

Como os mineiros non aceptar a última oferta, o cacique decide contratar os servizos do controvertido sheriff Stockburn. El e os seus seis salvaxes axudantes entenden pouco de xustiza e entenden moito máis de traballar para quen máis lles pague. Ademais, polo que parece, Stockburn e o "xinete pálido" (que polo visto é Predicador nos seus ratos libres) xa se coñecían de antes. Pero Stockburn está algo confuso, porque a descrición que lle dan é a dun antigo rival que supostamente xa está morto.

Finalmente prodúcese o combate final, tremendamente tramposo. O Predicador chega só á cidade e colócase no seu lugar para o duelo final. Cando sae Stockburn cos seus seis axudantes, resulta que o Predicador xa non está alí, o único que queda é o seu chapeu. Vai eliminando un a un aos seis axudantes, que non parecen tan espabilados. Finalmente quedan fronte a fronte o Predicador e Stockburn, que recoñece ao seu contrincante no último momento. Ao Predicador dalle tempo a pegarlle 5 ou 6 balazos.

En definitiva, a película está ben, pero é moi maniquea e tramposa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...