domingo, 2 de abril de 2023

Atmósfera cero

Como xa dixen aquí en moitas ocasións, gústame bastante a ciencia-ficción, así que cando aparece unha novela ou unha película desa temática (e non hai tantas), intento facer un esforzo. Xuraría que esta xa a vira antes (ten máis de 40 anos, así que non é tan difícil) pero deille outra oportunidade. En todo caso, non ten demasiado de ciencia-ficción, e si bastante de "western". Agora entendo que lera referencias tamén a esta película cando falei de "Só ante o perigo", porque a base da historia vén sendo claramente a mesma.

Foi dirixida en 1981 por Peter Hyams (creo que ten unha grande querencia por este xénero). O papel principalísimo é para Sean Connery, e todos os demais son secundarios, entre os que poderíamos destacar a Peter Boyle, Frances Sternhagen e James Sikking.

O'Neil é un policía que é destinado a unha colonia mineira de Ío, a terceira lúa de Xúpiter, onde se dá moi ben o titanio. O lugar é bastante remoto, do cal se deduce que ese novo destino non é un agasallo, senón un castigo, por algunha actuación anterior coa que non están moi contentos os que mandan. Incluso os familiares dos policías queren marchar dalí o antes posible, e iso é o que fan a muller e o fillo de O'Neil en canto poden, ás poucas semanas de estar alí.

Tamén ao pouco da súa chegada prodúcense varias mortes algo estrañas, máis ben suicidios, provocados pola explosión dos corpos ao poñerse en contacto coa nociva atmósfera do satélite sen os pertinentes equipos de protección, pero aparentemente por iniciativa propia.

O policía pregúntalle á xefa médica da colonia se é normal que iso suceda e a ela incomódanlle as súas preguntas, como se estivera discutindo a súa competencia profesional. Pero ao final acaban caéndose ben e colaborando, e efectivamente a doutora descubre que ese tipo de estrañas mortes aumentaron de forma moi considerable no último ano.

O policía consegue, de forma oculta, restos dun dos últimos cadáveres (que sempre teñen moita presa en levarse da colonia) e a doutora descubre índices moi altos dunha droga que sube moitísimo o rendemento dos traballadores pero que lles acaba provocando psicose, e iso pode explicar perfectamente eses estraños suicidios dos últimos meses.

O'Neil mira na listaxe de traballadores se hai algúns que teñan historial delitivo relacionado coas drogas, e descubre que hai dous que si o teñen. Espía os seus movementos polas cámaras da colonia e confirma as súas sospeitas, así que vai detelos. Mata a un deles e buscando ao outro está a piques de morrer nunha cámara frigorífica onde lle dixeran que estaba a droga, pero finalmente el sae ganador e destrúe a droga.

Con todo isto confirmado, vai falar co xefe da estación e representante da empresa mineira, que é perfectamente consciente do que está sucedendo e o ampara. Amenaza ao policía e dille que é mellor que se vaia, porque esa droga vai seguir circulando pola colonia, porque é moi beneficiosa para case todos. Pero obviamente o policía non se vai.

O xefe da estación ponse en contacto coa empresa e dinlle que no seguinte cruceiro espacial, que chegará dentro de varios días, van tres asasinos a soldo especializados nese tipo de misións. O'Neil está pendente da súa chegada e detecta a súa presenza ao pouco de baixar, pero parece que só son dous. Ou mandaron menos dos previstos ou o terceiro xa estaba na colonia e aínda non sabía quen era.

O policía pide a axuda de todo o mundo pero só a doutora se ofrece a axudalo (de aí o grande parecido con "Só ante o perigo"). Nin sequera os seus subordinados da policía se ofrecen para axudar, de feito, pouco despois sábese que o seu súbdito inmediato é o terceiro dos asasinos a soldo. Vai preparando trampas e recursos para poder enfrontarse aos asasinos cando cheguen.

A novidade é que consegue vencelos a todos facendo uso de circunstancias científicas, como a presión atmosférica. Os asasinos veñen con rifles con mira telescópica e todo iso, pero claro, cometen o erro de disparalos en zonas presurizadas, e ao ser eles os únicos que non levan os traxes de protección ante os terribles cambios de presión coa atmósfera do satélite, acaban estoupando como globos. Patético.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...