domingo, 25 de decembro de 2022

Legend

Explorando de novo na sección de ciencia-ficción de Rakuten TV atopei "Legend", unha película de fantasía dos anos 80 que creía ter visto previamente. Efectivamente, algunhas esceas e situacións soaronme moito, e acabo de atopar neste blog (máis ben no seu antecesor da Blogoteca) que vin a película en 2016, pero non me esforcei demasiado en redactar aquel artigo, a ver se agora me esforzo algo máis.

A película foi dirixida no ano 1985 nada menos que por Ridley Scott, que acababa de facer "Blade Runner" pouco antes. Os principais papeis do elenco son para Tom Cruise (nun dos seus primeiros papeis estelares), Mia Sara (actriz que prometía pero retirouse pronto) e Tim Curry. Os outros papeis son para actores e actrices que facían de trasnos e cousas semellantes na película, pero que non me soan de nada, do cal deduzo que as súas carreiras non tiveron un éxito moi reseñable. De feito, penso que Tom Cruise foi o único que acadou un éxito considerable.

A historia é bastante ñoña e dirixida a un público infantil e xuvenil. É a típica de fantasía, ambientada nun mundo ideal, onde se produce unha maniquea loita entre o ben e o mal. O Ben absoluto está representado nun par de unicornios que se sabe que existen, pero que son case imposibles de ver, porque son moi discretos e esquivos.

Unha fermosa princesa chamada Lili pídelle ao seu prometido, un rapaz chamado Jack, que lle leva a ver aos unicornios. Este accede, pero cando chegan alí, Sara sae do seu escondite e achégase a un deles coa intención de tocalo. Dá a casualidade de que por alí cerca tamén se atopa Blix, un trasno ao que o Señor das Tebras lle encargara capturar os unicornios ou, polo menos, cortarlle o seu corno, para acabar co Ben do mundo. Aproveitando a confusión que provoca Lili, capturan a un dos unicornios.

A partires dese intre, hai unha loita entre Jack, Lili e os trasnos que lles apoian (que algúns hai), e o Señor das Tebras, Blix e outros para que venza o Ben ou o Mal, co resultado final que seguramente xa intuides.

Sigo pensando que Tom Cruise non é un bo actor. Vanlle moi ben os papeis de acción como os que fai en "Misión imposible", pero a súa expresividade facial é moito menor do que el pensa, e a min non me convence en absoluto. Será moi guapo e todo iso, pero ser bo actor trata doutra cousa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...