domingo, 25 de decembro de 2022

Panxea

Hai uns días comezaron as vacacións de Nadal, e eu comeceinas de forma moi destacada, asistindo a un concerto que superou con moito as miñas expectativas. Xa tiña asistido a algún concerto de Abraham Cupeiro, e tamén asistira a algúns concertos da Orquestra Gaos, pero non tiña nin idea da marabilla que podía saír ao xuntar esas dúas forzas.

Porque resulta que o multiinstrumentista sarriano Abraham Cupeiro (principalmente toca instrumentos de vento, pero moi variados) gravou xa no 2020 coa Royal Philarmonic Orchestra (que xa sabemos que se presta a todo dende hai décadas) un magnífico disco titulado "Panxea".

A idea parte daquel único continente chamado Panxea, e bautizado así por Alfred Wegener en 1912. Abraham Cupeiro vai percorrendo os diferentes continentes e zonas do mundo, e compoñendo pezas apoiadas en instrumentos de vento tradicionais de cada zona, que toca el en directo xunto coa orquestra do lugar. Abraham presenta as pezas e os instrumentos de forma moi suxerente antes da peza, e o resultado da súa unión é fantástico. No Teatro Colón da Coruña fíxose acompañar da Orquestra Gaos, dirixida por Fernando Briones, como é habitual.

O listado dos títulos do disco, que no concerto tócanse exactamente na mesma orde, xa pode dar unha idea do percorrido: Oceanía, China, Norteamérica, Sudamérica, África, Arabia, Armenia, Bulgaria e Costa Atlántica. A última peza (bonus track), que se sae un pouco da temática, é a excusa para tocar o carnyx, a trompa de guerra que usaban os galos contra os romanos hai dous milenios, unha especie de peixe dourado duns dous metros de altura pola que se fixo famoso Cupeiro cando a presentou en público nos últimos tempos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...