domingo, 25 de decembro de 2022

Código 46

De novo buscando na sección de ciencia-ficción de Rakuten TV, dei con esta película titulada "Código 46" que non tiña mala pinta e estaba razonablemente ben puntuada, así que lle demos unha oportunidade. Resulta algo fría e confusa por momentos, pero non está mal. Coincido con algún crítico en que se lle podería ter sacado algo máis de chicha, pero a ver se consigo convencervos de que podería valer a pena o seu visionado.

Foi dirixida en 2003 por Michael Winterbottom, e os dous papeis principais son claramente para Tim Robbins e Samantha Morton, o resto son secundarios moi anecdóticos.

Nun futuro probablemente cercano, William Geld traballa para unha axencia de detectives. Como parece que ten inoculado un "virus da empatía", é moi bo detectando fraudes para compañías de seguros e similares, porque é capaz de saber cando alguén está mentindo. Vive en Seattle pero ten que viaxar a Shanghai porque unha importante compañía que expide visados para poder entrar nas cidades cre ter detectado que algún empregado está sacando visados do edificio para venderllos a persoas que non poden entrar nas cidades e que deben, polo tanto, vivir nos inhóspitos desertos circundantes.

William entrevista a varios dos posibles sospeitosos, e axiña detecta que a culpable é María Gonzales, pero namora dela inmediatamente, e decide encubrila e acusar a outro. Máis tarde, atópase e vai tomar algo con María, e pasan a noite xuntos. Durante esa noite, nun bar, atópanse cun amigo de María, e ela entrégalle diante de William o visado que sacou da empresa, pero el non a delata. William volve para Seattle despois de facer o seu traballo, aínda que é consciente de que non o fixo ben.

Cando está en Seattle, a súa xefa dille que debe volver á empresa de Shanghai, porque o amigo de María morreu na outra cidade (Delhi) onde entrou de forma ilegal. Así que se descubre que non conseguía o visado legal por razóns médicas, e ao darlle María un ilegal para que puidera cumprir co seu desexo, provocou a súa morte ao provocarlle unha enfermidade para a que non tiña defensa. William é consciente de que todo iso se debeu ao erro voluntario que cometeu a primeira vez, pero ninguén máis o sabe.

Cando chega de novo a Shanghai descubre que María xa non está no seu posto de traballo nin na súa casa. Averigua que está nunha clínica afastada, vai visitala, e descubre que xa non o recoñece, porque lle borraron os recordos do seu encontro anterior, onde ela quedou embarazada. Tampouco lembra nada do seu embarazo e aborto. Tamén descubre que María é un clon da nai de William, así que non poden ter relacións, porque infrinxirían o famoso Código 46.

Os papeis de William para seguir en Shanghai ou viaxar a Seattle caducan, e pídelle a María que saque uns papeis ilegais para irse xuntos a unha desas cidades do deserto, para vivir xuntos alí. Alí son felices, aínda que brevemente, teñen un accidente de coche, e o seguinte que se ve é a William en Seattle, onde lle borraron todos os recordos, e a María paseando polo deserto.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...