sábado, 24 de decembro de 2022

L.A. Confidential

Explorando o catálogo de películas de Rakuten TV atopeime con "L.A. Confidential", magnífica película que creo que vin no cine no seu momento e que xa cumpriu 25 anos. Non lembraba demasiado de que ía, pero si que estaba moi ben, que o ritmo era moi bo, e que se deixaba ver de forma moi agradable. Así que decidín vela de novo. 

Foi dirixida en 1997 por Curtis Hanson (xuraría que é claramente a súa obra máis redonda) e no reparto moi coral destacan moitos nomes, como Guy Pearce, Kevin Spacey, Russell Crowe, Kim Basinger, James Cromwell ou Danny DeVito. En papeis moi pequenos aparecen futuras estrelas de series de televisión, como Paul Guilfoyle (CSI Las Vegas) ou Simon Baker (O mentalista). Os tres papeis principais de Pearce, Spacey e Crowe foron para actores que eran pouco coñecidos naquel momento, e que saltaron ao estrelato con esta película. Por certo, a película está baseada nunha novela de James Ellroy, pero os dereitos xa estaban vendidos antes incluso de estar o libro rematado e publicado.

A historia está ambientada nos Ángeles dos anos 50. Hai bastante corrupción, tamén en torno ao mundo do cine, e un dos maiores capos da droga acaba de ser apresado, pero todos os seus posibles sucesores son asasinados case inmediatamente, e ninguén sabe quen pode ser o causante. A policía está desbordada e xa non sabe a quen investigar nin seguir.

Pero na policía dos Ángeles tamén teñen lío dabondo, están chegando novos axentes con moita ambición e ética profesional, e moitos dos veteranos parecen bastante corruptos. Algúns dos axentes máis valorados teñen acordos con revistas amarelas que destapan escándalos de todo tipo, así que semella que tampouco teñen moito interese en poñer moita orde na sociedade.

Un día hai unha matanza nun bar e morre un policía que estaba expedientado por corrupción. Ao comezo parece que os culpables foron tres negros, pero son asasinados pouco despois, para ocultar a tremenda rede de corrupción dirixida por un dos xefes de policía, que foi quen substituíu ao capo da droga apresado.

Como todo soa bastante raro, tres detectives aparentemente incompatibles entre sí comezan a colaborar para destapar o lío. Un deles é asasinado polo xefe de policía, e aos outros dous fáltalles pouco, pero ao final conseguen salvarse e matan ao xefe corrupto, aínda que nunca chegan a dicir o que sucedeu realmente. Por detrás de todo iso, había outra trama de prostitución de luxo con rapazas novas ás que se lle facían operacións de ciruxía estética para que se pareceran ás estrelas de Hollywood.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...