domingo, 4 de xullo de 2021

Aterriza como poidas

Cine de catástrofes aéreas, que filón!!! Parece que en Estados Unidos comezaron a facer películas deste tipo xa nos anos 50. Pero o clímax chegou nos anos 70, cando se fixeron varias da saga "Aeroporto", que normalmente levaban como apelido o ano no que se rodaban. Eu pensaba que esta película era unha parodia daquelas, e en parte é así, pero polo visto é claramente unha parodia de "Zero hour!", unha película de 1957 da que mercaron os dereitos, así que puideron copiar os nomes dos personaxes principais e diálogos completos. Curioso.

A película en cuestión foi dirixida e escrita en 1980 polo equipo formado por Jim Abrahams, David Zucker e Jerry Zucker (creo que se facían chamar ZAZ combinando as iniciais dos seus apelidos). O elenco é bastante coral e non destacan demasiado os papeis principais, porque o principal é estar dicindo e facendo tonterías o máis rápido posible. Actúan Robert Hays, Julie Hagerty, Leslie Nielsen, Robert Stack, Lloyd Bridges, Peter Graves e Kareem Abdul-Jabbar (outra estrela da NBA que se pon diante das cámaras, este aínda estaba en activo cando rodaron esta película).

E xa que dicir sobre o título, aínda que recoñezo que o reto non era doado. O título orixinal sería "Avión!" ou "Aeroplano!". En España decidiron poñer o famoso "Aterriza como puedas", que non casa demasiado pero hai que recoñecer que reflexa a trama principal da película. E en Hispanomérica decidiron ir un paso alén e titulala "E, onde está o piloto?", do que poderíamos dicir o mesmo, aparentemente disparatado pero non tanto.

Ted Stryker é un ex-piloto que tivo un desagradable accidente na II Guerra Mundial, no que el sobreviviu pero perdeu ao resto dos seus compañeiros. Ten unha relación coa súa moza Elaine, que e azafata nun avión, e están a piques de romper. Como último recurso, decide subir ao avión no que ela traballa esta noite, para intentar reconciliarse. Pero hai unha intoxicación alimentaria no peixe que cean moitos pasaxeiros e os pilotos, e non queda ninguén sano para aterrizar o avión. Entón Ted debe superar o seu medo a pilotar e, recibindo axuda dende o aeroporto e a torre de control, intenta aterrizar o avión de novo. Obviamente, todo isto aderezado con todas as tonterías que lembraredes, porque case seguro que a maioría da xente veu esta película.

Para rematar, dicir que a trama da película de 1957 é exactamente a mesma, só que non hai comedia nin parodia, suponse que é unha película totalmente seria (recoñezo que non a vin). Pero, polo visto, os diálogos dalgunhas esceas son exactamente iguais, e os protagonistas principais chámanse igual. Por certo, o papel principal era para o actor Dana Andrews, que nunha das películas da saga "Aeroporto" provoca un dos accidentes aéreos ao desmaiarse cando pilota un avioneta e chocar de fronte contra un avión comercial, creando un boquete na cabina e a morte dos pilotos (ou sexa, que este actor estaba moi asociado a catástrofes aéreas e desgrazas de pilotos de avión). E tamén dicir que, por raro que pareza, esta película botárona no espazo de cine clásico da 2. Parece que están baixando un pouco o umbral de calidade.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...