domingo, 4 de xullo de 2021

Spotlight

Oíra falar moi ben desta película, que reivindica unha vez máis o papel do bo xornalismo, que cada vez menos queda. Como trata sobre escándalos de pederastia na diócese de Boston durante o final do século XX, pensei que tería virulenta resposta por parte da Igrexa, pero parece que non, está ben considerada por eles, e agradecen o traballo honesto dos xornalistas que desvelaron eses abusos.

A película foi dirixida por Tom McCarthy en 2015. O elenco é moi coral e o único actor moi coñecido é Michael Keaton. A min tamén me soaba algo Rachel McAdams, pero sobre todo porque a vin noutra película hai un par de meses. Pero tamén hai que destacar a Mark Ruffalo, Brian D'Arcy James, Liev Schreiber, John Slattery ou Stanley Tucci. Algunhas desas caras soábanme, pero aínda non sei de que.

A película trata sobre o tema que xa desvelei antes. Pero non é detalle menor dicir que o título "Spotlight" (en España o conservaron, en Hispanoamérica decidiron cambialo por "En primeira plana") fai referencia ao nome da unidade de investigación do Boston Globe, polo visto a máis antiga de Estados Unidos. Ou sexa, catro ou cinco xornalistas que teñen unha pequena redacción no soto do edificio, e que non traballan con présas, senón que se dedican a investigar durante meses. E este pequeno equipo vese espoleado cando chega un novo director dende Miami, algo novato e no que non teñen demasiada confianza inicialmente, e lles pide que sigan investigando sobre unha columna que leu hai algún tempo, e que lle chamou a atención. Esa columna falaba sobre un sacerdote que podía ter cometido actos de pederastia na súa parroquia, e el pensaba que o tema podía dar de sí.

O equipo ponse a investigar, aparentemente sen moita paixón, pero segundo van entrevistando a persoas, van descubrindo que o escándalo é moito máis grave do que pensaban. E sobre todo, que o bispo de Boston estaba perfectamente informado, pero non estaba actuando e estaba facendo todo o posible por ocultalo. Obviamente, hai momentos de tensión no equipo, porque chegados a un determinado punto, uns pensan que hai que desvelalo xa, e outros opinan que hai que investigar un pouco máis para poder desmontar todo o sistema e acusar aos culpables.

Ao final, acaba sendo portada do xornal, comezan a recibir centos de chamadas de máis casos que aínda non coñecían, e o bispo é enviado a un cargo honorífico na curia romana. En calquera caso, xa digo que tanto a Igrexa estadounidense como a vaticana acabaron falando ben da película e agradecendo o labor honesto e profesional dos xornalistas para desvelar este escándalo. Tamén estaría ben dicir que a investigación tivo lugar a comezos deste século e milenio, e que se viu interrompida temporalmente polos atentados de Nova Iork do ano 2001.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...