domingo, 4 de xullo de 2021

Dolce Vita

No espazo de cine clásico da 2 botaron hai pouco "Dolce vita", unha das obras mestras de Fellini. Eu creo que xa a vira hai tempo, pero agora mesmo teño dúbidas de se a vería enteira naquela ocasión. É unha película longa, de case 3 horas. Sóame o personaxe de Mastroianni, obviamente, que é o elemento común en toda a película, pero non moito máis. E agora mesmo non sei se se pode deber a que non a vira enteira no seu día, ou que me aburriu bastante, como nesta ocasión. Deixo anotado na miña cabeza non volver vela. Está claro que o cine italiano non é do meu agrado, e creo que a mesma opinión podo ter do país e da súa cultura e costumes. Iso si, facer turismo por alí é unha delicia, porque teñen un pasado esplendoroso.

A película foi dirixida por Federico Fellini en 1960. Polo que parece, Fellini inspirouse en sucesos reais que estaban pasando en Roma a finais dos anos 50. Xa que Marcello Rubini (o xornalista protagonizado por Marcello Mastroianni) é un xornalista de crónica social que se move moito pola Vía Véneto, os seus bares, as súas festas e o seu desenfreno. Houbo un equipo de cinco guionistas encabezados polo propio Fellini e no que incluso parece que estaba Pasolini, aínda que non consta nos créditos. O protagonista total é Mastroianni. Só hai un par de personaxes máis que aparecen de cando en vez, pero cun papel moi residual. E o resto só con aparicións fugaces, duns minutos ou esceas.

A estrutura da película non se parece nada ao habitual. Hai como unha sucesión de esceas, un epílogo, un prólogo e algún entremés intermedio. O único común a todas elas é a presenza de Marcello Rubini. Aparece de cando en vez a súa moza Emma, da que el pasa bastante, porque lle gusta moito máis Maddalena, coa que se lía de cando en vez, e lle gustaría facelo máis. E tamén aparece de cando en vez un colega seu fotógrafo de prensa chamado Paparazzo, que deu lugar á expresión "paparazzi".

Porque as historias que se contan son do máis variadas:

- Unha noite de paixón con Maddalena, coa que acaba deitándose en casa dunha prostituta á que coñeceron esa noite.

- Os escarceos cunha estrela internacional de cine protagonizada por Anita Ekberg (as famosos imaxes bañándose na Fontana di Trevi, que duran só uns minutos)

- O encontro en casa dun amigo intelectual chamado Steiner, que vida unha luxosa vida envolta en alta cultura. Pero ao final mata aos seus fillos e suicídase.

- Dous nenos que din que viron á Virxe cerca de Roma, e que provocan unha auténtica voráxine de crentes que os perseguen para que os libren das súas desgrazas.

- O pai de Marcello vai a Roma por negocios, atópase con el e vanse xuntos a un cabaret. Ao final, ao pai dálle un amago de infarto e volve para a súa terra.

- Hai unha estraña festa nun castelo, na que Marcello intenta ligar de novo con Maddalena, pero ela acaba pasando del

- Hai outra estraña festa caótica en casa dun colega, que aparece despois por alí, e decide botalos a todos.

Xa sen contar que a película comeza cunha escea totalmente sen sentido (se algo nesta película o ten) na que se ve dous helicópteros polo ceo de Roma: un leva colgando a estatua dun Cristo, e o outro leva a Marcello e a Paparazzo. Os helicópteros diríxense á Praza de San Pedro. E remata co final da última festa xunto a unha praia na que uns mariñeiros acaban de capturar unha manta-raia dun tamaño colosal.

No Vaticano dixeron que a película era obscena (e algo de razón non lles falta) e, por exemplo, en España non puido verse ata 20 anos máis tarde. Pero vaia, en xeral, paréceme un disparate maiúsculo. Aburriume bastante. Algúns opinan que é unha das mellores películas de todos os tempos. Non se pode negar que é algo ou bastante peculiar, e que algunhas imaxes son moi poderosas, pero a min non me atraen este tipo de códigos audiovisuais.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...