domingo, 4 de xullo de 2021

Río Bravo

No meu arrebato cinéfilo dende que comezou a pandemia, vin un lote de películas do oeste americano cuxo título comeza coa palabra "río". Penso que unha das poucas que me faltaba (algunha outra haberá por aí, seguro) era "Río Bravo", e ademais é das máis famosas. Soábanme bastante algunhas esceas, así que seguramente xa a vira no pasado, pero non estivo mal repetir. Iso si, era un exemplo máis desas historias que tanto gustan aos estadounidenses, de "só ante o perigo" dun sheriff que representa o ben, ante o mal que se achega cada vez máis.

Esta película foi dirixida en 1959 por Howard Hawks. Tiña un elenco bastante coñecido, con John Wayne, Dean Martin, Walter Brennan (que ganou tres Oscars por actor secundario en torno aos anos 40) e Angie Dickinson. Tamén andaban por alí Ward Bond e un tal Ricky Nelson, que ten un papel destacado na película, e que comezaba a ser un ídolo de adolescentes no país, pero non me soa que tivera moito máis éxito, polo menos no cine.

A historia non ten moita chicha. Hai un cacique local que pretende manexalo todo (bastante habitual neste xénero de películas), e un irmán seu, que tamén é bastante chulo, mata a un tipo nun bar diante do sheriff e dun colega deste. Polo tanto, méteno na cadea do pobo. Ao cacique non lle parece ben, e comeza a presionar ao sheriff e os seus axudantes para que o liberen antes de que chegue alguén con autoridade do Estado e o leve para xulgar. Non ten moito máis.

Ao final, para defenderse da presión do cacique e os seus matóns, está o sheriff (John Wayne), un colega seu alcólico pero que foi gran pistoleiro (Dean Martin), un vello coxo (Walter Brennan), e un rapaz novo que tamén parece bo pistoleiro (Ricky Nelson). Ao final ganan os bos, supoño que xa o intuíades.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...