sábado, 16 de xaneiro de 2021

Campeóns

Un día destes botaban a famosa película española "Campeóns" na televisión, e animeime a vela, que xa lle tiña ganas. Foi dirixida en 2018 por Javier Fesser, que leva unha curiosa carreira cinematográfica, e levou varios premios Goya. O único actor coñecido previamente é Javier Gutiérrez, que estivo moi ben secundado por outros menos coñecidos, e sobre todo, por todas as persoas discapacitadas que debutaban e que converteron esta obra nunha delicia.

Supoño que xa todos sabedes de que vai. O protagonista, adestrador axudante do equipo de baloncesto Estudiantes, ten un caracter moi forte, e enfróntase ao primeiro adestrador, polo que é despedido. Esa mesma noite, ten un accidente de coche coa mesma policía cando está borracho, e cáelle unha pena de prisión nun xuízo rápido. Danlle como alternativa facer algún servizo á comunidade, que obviamente acepta, antes de ir á cadea.

E por casualidades da vida, tócalle ir adestrar un equipo de baloncesto de barrio dun club chamado "Os Amigos". Pero ese equipo está formado por persoas discapacitadas, do máis variado. A película trata de todos os avatares que van sufrindo ao longo da tempada, xa que comezan a mellorar, e incluso chegan á final do campeonato nacional, que perden nos últimos segundos, pero a ninguén lle importa, porque o importante foi a experiencia vital.

Pois iso, que é unha película moi amable e agradable de ver, cunha interesante mensaxe. Como os principais personaxes da película levan varios anos protagonizando os anuncios da ONCE, algunhas das súas voces xa me resultan do máis familiar, e tamén a música da película, que sae neses anuncios.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...