sábado, 16 de xaneiro de 2021

Batman

Despois de vista, algunhas das escenas soábanme moito, do cal deduzo que debín vela hai tempo, pero xa nin o lembraba. Refírome á primeira película sobre a personaxe de Batman, dirixida en 1989 por Tim Burton, e protagonizada por Michael Keaton, Jack Nicholson e Kim Bassinger.

Recoñezo que é un superheroe que me deixa bastante frío, non me transmite gran cousa, aínda que pensándoo ben, pásame con case todosa. Como eu nunca fun moi de cómics, nin de superheroes nin dos outros, se cadra o que máis me impactou foi Superman, con boas películas nos 80, e bandas sonoras míticas. Esta película tiña ganas de vela, sobre todo, por ser Tim Burton o director, que sempre lle engade un nivel de deseño de vestiarios, maquillaxes e escenarios bestial, e porque me soaba que Jack Nicholson estaba moi ben, aínda que parece que o seu estraño caracter se amoldaba bastante ben ao do seu personaxe. Kim Bassinger está bastante ben, e Michael Keaton é outro actor que non me di moito, paréceme algo inexpresivo.

Xa sabedes que todos viven en Gotham, que Batman é a "cara oculta" do multimillonario empresario Bruce Wayne, e que Jack Napier é un mafiosillo que anda por alí facendo das súas, ata que sufre un accidente, se converte en Joker, e "as súas" pasan a ser moito máis gordas e grandes. Nada, o típico cine de superheroes con superbos e supermalos, superguapas e toda a fauna habitual.

Como última cousa, dicir que, se cadra, no futuro verei algunha película máis relativa a este superheroe que non me di nada, pero basicamente porque Christopher Nolan, que me parece un dos directores máis suxerentes das últimas décadas, dirixiu varias que din que están moi ben. Así que probablemente vexa algunha, simplemente para comprobar que historia puido parir a retorcida mente de Nolan, que nalgunhas ocasións é simplemente xenial, aínda que ás veces se pasa de freada.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...