sábado, 16 de xaneiro de 2021

Son lenda

Seguramente xa listes aquí algunha vez que Will Smith me cae fatal e me parece un actor pésimo, moi acaído para comedias estúpidas estadounidenses (que raramente vexo, como é lóxico). Sendo así, non resulta moi doado de explicar por que razón vin a película "Son lenda", dirixida en 2007 por Francis Lawrence e protagonizada case en exclusiva por el. A razón é que hai uns cantos anos lin a novela orixinal de Richard Matheson na que está baseada, e pareceume ben interesante. E ao final, creo que Will Smith fai aquí un dos mellores papeis da súa vida, nada histriónico (debeulle costar bastante).

Por se non sabedes de que vai, a historia é moi desacougante. Unha doctora anuncia que acaban de crear unha vacina para controlar un virus (que actual todo, non si?), pero ese virus acaba mutando e atacando a todo o mundo dun xeito que os converte a bestias salvaxes non moi diferentes dos zombis ou os vampiros (por poñer unha referencia coñecida). Cando descubren o que pasa, deciden illar por completo a illa de Manhattan (destrúen as pontes que a unen ao continente) e entre eles queda, para intentar atopar unha posible vacina facendo experimentos, o médico Robert Neville.

A película está ambientada varios anos máis tarde, cando xa non queda aparentemente ninguén "vivo" máis ca Neville. Polas noites, atrinchéirase na súa casa co seu can, e escoita os ruídos das "bestas" que andan polo exterior, pero que non saben que el está metido alí, porque sella as fiestras por completo. Cando chega o día, sae para intentar cazar a algúns destes seres, que están totalmente indefensos, levalos á súa casa, e no seu laboratorio, inocularlle diferentes compostos para ver se algún deles serve como vacina.

A película vai avanzado neses termos, deixando claro que a cabeza de Neville xa ten dificultades para reaccionar de forma racional debido á falta de socialización nos últimos anos. Incluso ten colocadas maniquíes en determinadas tendas nas que el entra de cando en vez (por exemplo, un videoclube), para simular que mantén conversacións con humanos. Esta é unha das cousas que me atrae desta historia, que nos presenta unha sociedade moi diferente á habitual.

Un pouco máis adiante atópase cunha muller e o seu fillo pequeno, que conseguiron entrar dende o exterior da cidade, e que lle salvaron cando el estaba a piques de ser apresado polas bestias, xa que tivo un accidente, e se lle fixo de noite. Conseguen chegar á súa casa, pero polo camiño deixan rastros de sangue, o que fai que na seguinte noite as bestas localicen a súa casa e entren de forma salvaxe. No final da película, que non coincide co da novela, o doctor sacrifícase para salvar á muller e o seu fillo, que poderán escapar ao día seguinte, saíndo da cidade e chegando a unha especie de vila fortificada en Vermont, onde supostamente quedan os únicos humanos vivos. Non conseguín entender moi ben na película como entraban e saían en Manhattan a muller e o fillo, porque supostamente estaba illada para evitar a propagación do virus.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...