sábado, 16 de xaneiro de 2021

Becket

Chama a atención que nestas cadeas de televisión fascistoides que hai en España, como Trece ou El Toro TV, en determinadas ocasións botan películas de cine clásico bastante interesantes (sobre todo en Trece, na outra é máis raro, pero ás veces pasa). Grazas a iso, puiden ver o outro día unha película moi salientable que non sabía nin que existía. É "Becket", dirixida por un tal Peter Glenville en 1964. Está baseada nunha obra teatral (iso si que se notaba, e o descoñecido director viña dese ámbito) e basicamente era un duelo entre Peter O'Toole, no papel do rei Enrique II de Inglaterra, e Richard Burton, facendo de Thomas Becket, Arcebispo de Canterbury.

Non sabía que existía esta película, pero intuín a temática cando lin o título. Hai xa tempo oíra falar da historia de Thomas Becket. Cando lía unha historia da literatura, salientaban moito na inglesa a obra "Asasinato na Catedral" de Thomas Stears Elliot, e algo me chamou a atención. Así que cando vin que había unha película sobre ese tema, nin o dubidei. Esta película non está baseada nesa obra de T. S. Elliot, senón noutra obra diferente doutro autor.

A historia é a seguinte. Estamos a mediados do século XII e o rei inglés Enrique II, ao que pintan como bastante caprichoso (debía ser habitual nos reis ingleses, sobre todo nos que se chamaban Enrique), tiña a Thomas Becket como a súa man dereita, e confiaba totalmente nel. Esta especie de conselleiro e ministro non tiña ningún cargo eclesiástico nin maior vocacións, só era algo así como diácono, polo que din na película. De feito, nas primeiras escenas se lle ve con mulleres e rivaliza un pouco co rei nese ámbito.

Pero morre o Arcebispo de Canterbury, e o rei debe escoller ao seu sucesor. Ese cargo designa ao xefe da igrexa en Inglaterra, e pode molestar algo ao rei se non está totalmente da súa parte, como parece que sucedía co anterior. O máis normal era poñer nese cargo ao Bispo de Londres, que xa andaba revoloteando por alí. Pero o rei ten unha brillante idea, e decide nomear para ese cargo ao conselleiro e amigo Thomas Becket. El mesmo vese sorprendido inicialmente, porque cre que non ten os cargos e títulos necesarios para poder selo, pero o rei o convence de que el pode poñer alí a quen lle pete, e que con el no cargo por fin terá paz e apoio da igrexa.

Isto provoca un gran escándalo na igrexa, que incluso protesta ao Papa. Pero o que non contaba ninguén é o cambio total de personalidade que se opera en Thomas Becket. De ser unha persoa pouco preocupada pola fe e a relixión, convértese nun servidor acérrimo da mesma e oponse ás ordes do Rei, que o puxo no cargo exactamente para o contrario. Así que, en pouco tempo (aínda que durou 8 anos como arcebispo, na película semella que foi moito menos tempo), os dous grandes amigos convértense en feros inimigos. E claro, o rei decide solucionalo ao seu xeito e ordea que o maten onde e como sexa, e acaba sucedendo na mesma Catedral.

Película británica, de moito toque teatral, grandes actuacións e escenarios medievais acaídos. Dende logo, eu paseino moi ben véndoa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...