sábado, 16 de xaneiro de 2021

Apocalypto

Un par de publicacións antes falaba de "A paixón de Cristo" rodada por Mel Gibson en 2004. Pois uns días máis tarde cruceime con "Apocalypto", película dirixida tamén por el en 2006 e decidín probar, para comprobar se seguía coas súas obsesións daquela época, e semella que si. Non sei se lle duran, pero daquela deulle moi forte.

Esta película está ambientada nos estertores da cultura maia, a comezos do século XVI, está rodada en lingua maia con subtítulos, e para non variar estando Gibson á fronte, o nivel de violencia é moi considerable. Que si, que é posible que os habitantes daquel lugar e época foran así, pero este tipo non perde unha oportunidade como esa. Se a ambientación non lle permite amosar violencia gratuíta, supoño que xa pasa do proxecto.

Polo demais, non hai moito que contar. Unha pequena tribo que habita na xungla é atacada por outra máis urbana, que incendia as casas, mata a moitos dos moradores, e aos demais, principalmente homes xoves e fortes, cólleos como escravos. Algúns son para vendelos, semella, e outros para facer sacrificios bastante bestias nas súas famosas pirámiedes escalonadas.

O protagonista principal está a piques de morrer sacrificado así, pero xusto nese intre prodúcese un eclipse de sol, e os chamáns deciden que os deuses están xa satisfeitos polos sacrificios, e salva a vida de miragre. Pero mira ti por onde que o soldado que dirixiu o asalto ten ganas de festa, e deciden matar aos outros escravos nunha especie de estadio, tirándolle pedras, frechas, hachas, etc. Este consegue salvarse de milagre matando ao fillo máis querido do xefe.

O resto da película consiste na persecución dun pequeno grupo de soldados a este rapaz pola xungla, nos espazos e condicións máis variadas. Pero claro, como é o bo, ao final acaba ganando, e volve á súa aldea, onde deixara escondidos á súa esposa e o seu fillo. Cando se xunta con eles, observa abraiado a chegada duns señores barbudos e vestidos en barcos ás súas praias. É o Descubrimento. Con bo criterio, deciden volver á xungla para ter un novo comezo da súa vida.

A película ten moita acción e non se pasa mal, pero tede en conta todo o que dixen anteriormente das películas deste director.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...